O Concello de Ferrol celebrou na tarde de onte a primeira reunión da Comisión municipal para a Prevención de Enfermidades Cardiovasculares, a primeira destas características en Galicia, precisamente na xornada na que se celebrou o Día Mundial do Corazón.
O labor da nova comisión é concienciar á poboación acerca da gravidade das enfermidades cardiovasculares -principal causa de morte no mundo- e dos factores de risco que ten e, por outra banda, promover accións que contribuían ao maior coñecemento destas patoloxías. Desta forma buscarase de forma conxunta a inclusión de Ferrol na rede de cidades cardioprotexidas.
Comisión municipal para a Prevención de Enfermidades Cardiovasculares
A comisión está composta polo concelleiro de Sanidade, Germán Costoya, a xefa do servizo de Cardioloxía do Chuf, Raquel Marzoa, o presidente da Asociación de Amigos do Corazón -Amicor-, Carlos Piñeiro, o coordinador de Seguridade, Santiago Troitiño, e representantes da Policía Local, Bombeiros, Protección Civil e do servizo 061 membros dos grupos da oposición.
Tamén estivo presente o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Cultura, Antonio Golpe, quen na súa intervención agradeceu o ompromiso de todos os participantes na comisión e destacou a importancia de ter moi en conta os factores de risco.
Pola súa banda, Costoya indicou que a comisión nace cun ilusionante proxecto por diante a través do cal «podemos facer moito polos nosos veciños». O edil indicou que a comisión é un órgano aberto a propostas, e reunirase cada tres meses para abordar os avances nos seus obxectivos.
Unha “gran oportunidade”
A xefa do servizo de Cardioloxía do CHUF aplaudiu a iniciativa do Concello de Ferrol de crear esta comisión, que valorou como «unha gran oportunidade» para frear ás enfermidades cardiovasculares. Segundo ela, estas poderían reducirse ata nun 80 % si se controlaran os factores de risco.
Pola súa banda, Piñeiro propuxo diferentes accións, como o lanzamento de campañas informativas para incentivar a práctica de exercicio, a alimentación saudable e a redución do consumo de sal. Tamén a colaboración con centros escolares e avanzar nun plan que converta á cidade de Ferrol nun espazo cardioprotexido.