Despois da xira presentación do seu último disco ‘Sed’, a banda segue de ruta por todo o panorama español, pero esta vez para celebrar o seu aniversario número 20. Coa axuda dunha baralla de Tarot, crean un ambiente espiritual e cheo de misterio no que o propio público ten un gran poder de decisión. Isabel Cea, Rodrigo Caamaño, Rafael Mallo e Zippo, os actuais integrantes da banda, afirman que cada concerto é único e diferente, “nin sequera nós sabemos o que imos tocar”, explica o batería Rafa Mallo.
Wences Lamas, un artista e tarotista galego, foi o encargado da creación dunha baralla de cartas que representa cada un dos seus discos. Durante a actuación, A Moura, Ente do Baleiro, lanzará estas cartas ao público, que deberá participar activamente para decidir que disco será interpretado en directo. A xira pasará o 12 de decembro por Zaragoza, o 13 de decembro por Barcelona, o 14 de decembro por Valencia o 20 de decembro por A Coruña e o 1 de febreiro por Ciudad de México. O 28 de decembro farán un concerto especial na Pousada das Ánimas, en Boiro, “o punto neurálxico da banda”. Durante a actuación haberá moitas sorpresas e será “a data máis especial de todas”, segundo confirma Rafa Mallo.
Triángulo de Amor Bizarro (TAB) nace no ano 2004 buscando alternativas á música dos 2000 que se escoitaba na Coruña, “nese momento levábase máis o ‘Rock and Roll’ clásico e nós tirabamos máis cara a música dos 90, inspirados por Sonic Youth, entre outros”. Guiados polo inconformismo nunha etapa da vida na que “non sabes moi ben que facer”, comezaron a crear as súas propias cancións. Seis discos despois, TAB xa está consolidada como unha das mellores bandas de ‘shoegaze’ e ‘indie rock’ tanto a nivel nacional como internacional. Aínda así, non dubidan en seguir tendo a súa terra como referente: “a nosa música está moi influenciada pola nosa contorna, por ser de aquí e facer as cousas dende aquí, a pesar desa tentación que sempre houbo de marchar a outros lugares”.
—Para celebrar os 20 anos da banda estades facendo unha xira adicada ao azar, non si?
—Si, quixemos celebrar estes 20 anos sen recorrer ao esperable e pensando en todas esas cancións dos inicios que levamos moito tempo sen tocar. Como é imposible interpretar os seis discos, decidimos que deixariamos en mans da sorte, concretamente do Tarot, os dous álbums que tocaríamos.
—E, por que o Tarot?
—Collemos a idea do Tarot porque sempre tivemos moita relación co esotérico, que aparece referenciado moitas veces nos títulos das nosas cancións. A partir disto, fixemos unha baralla de Tarot con seis paus, un por disco, con referencias a toda a imaxinaria do grupo.
—A partir de aquí, o propio público é o que “decide” que dous discos se tocarán esa noite.
—Si, antes de comezar, sae o personaxe da Moura, Ente do Baleiro, e fai un cerimonial no que é o propio público o que escolle os discos que se van tocar. Ata ese momento nós non sabemos que é o que vamos a interpretar esa noite.
—¿Moitas horas de ensaio?
—En realidade non tanto. Cando rematamos a xira de ‘Sed’, tivemos unha semana de descanso na que recordamos os discos e despois dúas semanas de ensaios para repasar todos xuntos, sobre todo as cancións máis antigas. A nosa idea era interpretar as cancións como se as estiveramos ensaiando e que a xente vira o grupo en estado puro. Necesítase un tipo de concentración diferente a cando levas un repertorio estudado, ao mellor empezo unha canción e non sei exactamente cantas partes leva, pero vou deixando que o ritmo me guíe. É moi interesante para nós como músicos porque fai que teñas que confiar máis nas túas habilidades e non tanto na túa memoria. Arríscaste máis, porque pode saír ben ou pode saír mal.
—E isto non vos pon máis nerviosos no momento de saír ao escenario?
—Os discos xa os temos moi interiorizados, é verdade que nos primeiros concertos había máis inquedanzas sobre cando sairía un disco ou outro, porque o set enteiro non saíu ata o concerto que demos en Santiago de Compostela, que foi xa en novembro. Realmente, tanto para o público como para nós trátase dun xogo e non nos pon excesivamente nerviosos non saber o que se vai tocar.
—Que álbums preferides tocar en directo?
—Non é que teñamos álbums favoritos, o que si sabemos é que hai certas combinacións de discos que, por esixencia física, serían moi difíciles de tocar. Por exemplo, seguramente non daría acabado un concerto no que saíran ‘Sed’ e ‘Salve Discordia’ xuntos. De feito, pasounos algunha vez que ao rematar o concerto, despois de dúas horas e algo tocando e xa rebentados, a xente pedíanos que tocaramos os seis álbums. Eu pensei “síntoo, pero non se pode”- dicía entre risas.
—No transcurso dos anos, o estilo da banda foi evolucionando, como describiriades a transición dende os primeiros discos ata o más recente?
—Hai unha parte da evolución que é máis constante, que consiste en facer música que nos guste a nós como oíntes e ir chegando ós nosos límites como músicos e compositores, tentando saír tamén da nosa zona de confort. Por outra banda, a evolución dependeu tamén do noso contexto vital, os cambios nos integrantes da banda e o cambio dunha visión máis hedonista relacionada coa xuventude a ir facéndonos cada vez menos cínicos.
—Como foi o reencontro con esas cancións ao ser tocadas en vivo tantos anos despois?
—A raíz de tocalas nos concertos as cancións evolucionaron de formas diferentes, ao final comezas a facer cambios e tamén moitas delas collen máis protagonismo, tanto para nós como para o público. De feito, pasa que moitas cancións, aínda non sendo tan antigas, cobran outra vida ao ser tocadas en directo. ‘Culto al cargo, o cómo hacer llegar el objeto maravilloso’, por exemplo, foi unha canción que creceu moitísimo, porque cando a gravamos sentíamos que lle faltaba algo e fómola desenvolvendo durante os concertos. Agora mesmo é unha das que máis nos pide o público.
—E sobre o futuro da banda…
—Estamos traballando en cousas novas, pero por agora son pequenos bosquexos. Estamos ‘a tope’ coa xira e necesitamos asentarnos para poñernos a traballar no local de novo. O que temos claro é que queremos facer algo diferente, gustaríanos facer algunha colaboración, por exemplo. En xaneiro estaremos por México e agardamos poder traballar con algún grupo de alí.