O colectivo de persoas xubiladas e pensionistas da CIG realizou este xoves concentracións en Ferrol e noutras grandes urbes galegas na defensa «dunhas pensións públicas dignas e garantidas e para esixir un sistema público galego de atención ás persoas». As protestas, realizadas diante de edificios administrativos do goberno español e da Xunta de Galiza, repetiranse con carácter mensual ata finais de ano.
Dende o colectivo da CIG advirten que a crise económica derivada da crise sanitaria «está a servir de escusa a UE para exixir reformas das que o sistema público de pensións é obxectivo principal». Así, denuncian, a diario publícanse informacións sobre medidas que se pretenden «implantar baixo a suposta inviabilidade do sistema e que suporán a prolongación da vida laboral e unha maior dificultade no acceso á xubilación, condenando unha vez máis a debilitar e precarizar o mercado de traballo, sobre todo para a xente máis nova, que se verá obrigada a continuar emigrando».
Máis da metade das pensións por debaixo dos 706 euros
Nas concentracións salientouse que as pensións galegas seguen sendo as segundas máis baixas do Estado e que máis da metade das persoas pensionistas na Galiza cobran menos de 706 euros. Xunto a isto, chaman a atención sobre a precariedade das pensións das mulleres galegas, que de media perciben case 300 euros menos que un galego e sobre o feito de que das persoas que teñen as pensións máis baixas, máis do 60% son mulleres.
Por iso, unha das reivindicacións da CIG é a fixación por lei da pensión mínima igual ao Salario Mínimo Interprofesional (que debera estar no 60% do salario medio) e a revalorización anual como mínimo co IPC.
Subliñan que o Sistema Público de Pensións é sostible «se con vontade política se toman as decisións adecuadas» para acadar un mercado laboral forte con emprego estábel e salarios dignos. E neste camiño, di o sindicato nacionalista, resulta imprescindible a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013 e das reformas laborais impostas polo PSOE e o PP.
Residencias públicas
Pero con estas mobilizacións o colectivo de xubilados e pensionistas da CIG tamén reclama da Xunta a creación dun sistema público galego de atención ás persoas que aglutine as actuais residencias, centros de día, servizos de axuda no fogar, e outros, de xeito que todas as galegas e galegos vexan cumprido o seu dereito a unha vida digna cando as súas circunstancias lles impiden poder facelo autonomamente.
«A actual pandemia deixou en evidencia os escasos recursos que se destinan a estes servizos así como a nefasta xestión nos centros privatizados ou privados», explican desde o sindicato, mentras lembra que só un 25% das residencias para persoas maiores ou dependentes son de titularidade pública, e incluso sumando públicas e privadas só hai 3 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos.