O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, visitou hoxe a Unidade de Vixilancia Epidemiolóxica durante unha visita ao Arsenal Militar de Ferrol. Xunto co almirante xefe do Arsenal, Antonio Doio, e a subdelegada do Goberno na Coruña, Pilar López-Rioboo, onde puido comprobar o protocolo de traballo da unidade. Javier Losada cualificou de “eficaz e eficiente” a tarefa desta unidade en Galicia, na que cada rastreador pode realizar entre 5 e 20 chamadas por hora e cun servizo activo de luns a domingo desde as 9 da mañá ás 10 da noite.
En Ferrol traballan actualmente 60 dos 180 rastreadores asignados polo Ministerio de Defensa a Galicia: 110 do Exército de Terra (100 da Brilat e 10 da Forza Loxística Operativa) e 70 da Armada (60 do Arsenal de Infantería de Mariña de Ferrol e 10 da Escola Naval Militar de Marín).
O delegado do Goberno informou que os rastreadores cedidos polo Ministerio de Defensa para o seguimento de casos de COVID-19 en Galicia efectuaron na súa primeira semana unha media de 2.000 rastreos diarios en Galicia: “Este ritmo permítenos apuntar que, ao acabar o día de hoxe, achegámonos aos 10.000 rastreos en Galicia desde o luns”. Estes rastreos serven para facer control e seguimento daquelas persoas que poden estar infectadas por COVID-19 ao ser contactos estreitos de persoas positivas e seguen, en todo caso, a normativa sanitaria que marca a Xunta. Os seus obxectivos son colectivos específicos, grandes empresas e brotes virulentos.
Javier Losada lembrou que o Ministerio de Defensa formou a 2.000 persoas para labores de rastrexo de contactos de COVID-19, que puxo ao dispor das comunidades autónomas. Tras a petición da Xunta, foron asignadas a Galicia 180, que traballan de maneira coordinada co Sergas, e mentres a Xunta demándeo.