Moeche prepárase para a troula o Martes de Entroido

A nave do mercado acollerá o día 25, festivo local, un evento con concurso de disfraces, chocolatada, concertos e xogos
IMG_4620

O Concello de Moeche prepara unha morea de actividades e troula para o día grande dos disfraces, o 25 de febreiro, Martes de Entroido, que será festivo local. A partir das 16.30 horas na nave do mercado haberá xogos, obradoiros, música, chocolate con churros e premios para as mellores máscaras en colaboración coa hostalaría local.

A rapazada terá no recinto un grande castelo inchable, unha cama elástica e un obradoiro para construír máscaras con materia prima reciclada. Ademais tamén se organizou unha sesión canta-baila con La GuaGua, quen se encargará de animar o desfile de disfraces posterior, aberto a todas as idades.

Haberá premios para os tres mellores atavíos infantís, dotados con vales de 15 euros para cada neno, canxeables na libraría Brétema. O mellor traxe de persoa adulta levará 30 euros nun tique para gastar en dous postos do Mercado de Moeche. Os premios para o mellor grupo e para o grupo máis numeroso serán tamén cadanseu vale de 75 euros para gastar nalgún dos establecementos hostaleiros do concello que colaboran co evento.

Entroidos veciñais

As outras dúas citas festivas que se celebran en Moeche son as de a asociación vecinal Val de Moeche e a da Labacengos. No val de Moeche celebran o Entroido o sábado 22 de febreiro cun xantar no local social do Pereiro seguido da música de Jimmy. A partir das 14.00 horas servirase un menú composto por sopa de cocido, cocido e sobremesas típicas. O prezo son 10 euros para persoas socias e 15 euros para non socias. Hai que apuntarse chamando ao 622 916 160.

En Labacengos o Entroido será o domingo 23 de febreiro a partir das dúas e media de tarde na nave do Ventoeiro. Servirán cocido, doces, café e chupiño. Sobre as cinco da tarde comezará a festa animada por Suso Moeche, na que haberá premios para o disfraz máis orixinal, tanto no apartado infantil como adulto. O prezo do xantar son 12 euros para os socios e 16 euros para os non socias. Os interesados deben anotarse antes do día 17 de febreiro chamando ao 606 729 038.

Relacionadas