Gran revés para o Concello de Ferrol coa última sentenza do Tribunal Supremo que acordou que a empresa pública Navantia queda exenta de aboar ás arcas municipais o Imposto de Bens Inmobles polos terreos que ocupa. Ata o 2015 o estaleiro estaba exento deste pago, pero unha modificación do convenio con Defensa fixo que Navantia pasara a ser concesionaria dos terreos e instalacións que ten en Ferrol, o cal abriu a posibilidade de que empezase a pagar o IBI.
En sendas sentenzas, tanto o Contencioso Administrativo de Ferrol como o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia si viron motivos técnicos que lle daban a razón ao Concello, pero agora o a sala do Contencioso Administrativo de Madrid lles quita a razón de forma irrevocable. En total son 1,4 millóns de euros os que supostamente Navantia debía pagar polos exercicios de 2015 a 2017.
A resolución do Supremo baséase en que os terreos de Navantia establecéronse orixinariamente coma un ben para a defensa nacional, concretamente dentro dos «recursos industriais necesarios para lograr os objetivos fixados na política de defensa». Explica, polo tanto, que dado que se trata de terreos propiedade do Estado o feito de que unha empresa pública estea realizando unha actividade económica «non desvirtúa os obxectivos do servizo público da defensa nacional». Isto contradí o que sí explicaban as sentenzas anteriores, que se baseaban en que Navantia desenvolvía unha actividade económica co fin de obter beneficios.
Desde o Concello de Ferrol lembraron que este proceso xurídico ten un longo recorrido e explica que se lle dará cumplimento a esta nova sentenza «como non podería ser de outra forma». Con todo, indican que os servizos xurídicos do Concello continúan estudando o caso.
Críticas do Bloque ao marco legal
O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol considera necesario que se afronte dunha vez o problema estrutural desde unha perspectiva política e non xudicial. «As reiteradas sentenzas, unhas nun senso e outras no contrario, demostran que o problema de fondo está no marco legal gravemente perxudicial para os intereses da cidade», din os nacionalistas.
Este marco legal supón para a cidade de Ferrol unha eiva estrutural e a perda de ingresos anuais que como mínimo superan o millón de euros, tal e como se cuantificaron no único informe ao respecto, datado en outubro de 2020 pola concellería de Facenda e patrimonio, en 1.1263.525 euros.
Neste senso o portavoz municipal do BNG, Iván Rivas, instou ao Concello à elaboración dun informe actualizado da perda de ingresos que supón para o concello a actual situación, a esixir do Estado o pago dunha compensación, a incorporar nos orzamentos do estado, «co obxecto de paliar esta perda de ingresos municipais mentres non se modifica o marco legal e a esixirlle ao goberno do estado a modificación do marco legal, de máis de 40 anos, que avala esta situación discriminatoria para coa nosa cidade».