A construción do aparcamento municipal que dará servizo á zona do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol avanza conforme aos prazos previstos, segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, tras visitar a obra. Nestes momentos xa están abertas as gabias para as canalizacións de augas pluviais e as instalacións eléctricas, unha vez que se retirou a cuberta de terra vexetal e xa se completou a subbase de saburra compactada.
Os traballos, que comezaron o mes pasado, foron adxudicados por 241.300 euros. A superficie sobre a que se está a actuar é de 4.220 metros cadrados, dentro dunha parcela municipal de moita máis extensión, a meirande parte da cal é unha zona de monte na que non se vai intervir. O acceso situarase na rúa Irmandade de Doadores de Sangue.
Esta actuación servirá para complementar os traballos que se están levando a cabo no marco do Plan Director da área sanitaria de Ferrol. O novo aparcamento municipal contará con 123 prazas de estacionamento, catro das cales estarán reservadas para persoas con mobilidade reducida. Tamén haberá unha zona para motocicletas nas inmediacións do acceso.
Dado que se prevé que as instalacións sexan empregadas habitualmente por persoas maiores ou con dificultades físicas, as prazas para estacionar serán amplas, de 2,80 por 4,90 metros, de xeito que se lles facilite aos usuarios a entrada e saída dos vehículos. Entre as filas de aparcamentos haberá un espazo seguro conectado cunha beirarrúa que percorrerá a zona norte da parcela ata a saída.
Os carrís de circulación pavimentaranse con microaglomerado asfáltico aplicado en quente. Será de cor terra para facilitar a integración no entorno. As prazas de estacionamento executaranse con lousas tipo céspede prefabricadas de formigón, tamén de cor area ou similar, de xeito que permitan o nacemento da herba no seu interior, o cal axudará a integrar o aparcadoiro no resto da parcela e servirá de drenaxe das augas pluviais. Tamén se van plantar árbores que no futuro dean sombra aos vehículos. Serán das mesmas especies existentes no entorno como carballos e bidueiros.