Reganosa será un dos centros chave na folla de ruta para o uso do hidróxeno que aprobou onte o Goberno

Os diferentes plans que se van implementar nos próximos dez anos no eido da transición ecolóxica preséntanse como unha oportunidade única para a comarca de Ferrolterra
maxresdefault (10)

O Consello de Ministros aprobou onte a Folla de Ruta do Hidróxeno, un plan para impulsar esta fonte de enerxía limpa a través duns investimentos de 8.900 millóns de euros ata o ano 2030, nas que conta coa colaboración privada. O plan contempla a posta en marcha de varios proxectos de produción de hidróxeno renovable e xeración eléctrica renovable asociada, adaptacións industriais e mobilidade. Un deles será o liderado por Reganosa na aposta do Goberno por impulsar hidróxeno renovable de cara á descarbonización da economía en 2050. A infraestructura da empresa gaseira ubicada en Mugardos e a súa experiencia no almacenaxe, transporte e transformación do gas natural licuado, a posicionan como a perfecta candidata para albergar este proxecto enerxético no norte de España.

O de Reganosa será só un dos máis de 20 proxectos asociados á industria manufactureira que son susceptibles de participar na iniciativa Proxectos Importantes de Interés Común Europeo (IPCEI) de hidróxeno verde, coa finalidade de apoiar a cadea de valor industrial promovida pola Comisión Europea. Segundo consta no documento do Ministerio de Transición Ecolóxica, o de Mugardos estaría catalogado como un ”proxecto de produción de hidróxeno renovable a escala industrial destinado ao seu uso como materia prima industrial e mobilidade”. Consistiría na creación dun hub escalable de produción e transporte hidróxeno renovable en Galicia descarbonizando os principais usos do hidróxeno na industria e favorecendo a súa penetración na mobilidade.

A planta de hidróxeno sería, cunha potencia de 50 megawatios, a máis grande de Europa. Dado que para a súa produción -para partir da auga- utilízase a electrolisis e o consumo de electricidade supón o 50% dos custos, recorreríase aos excedentes da enerxía renovable que se produce en Galicia. Con esta planta produciríanse 5.100 toneladas anuais de hidróxeno que poderían abastecer unha frota de 630 camións de pila de combustible durante un ano e reducir as emisións equivalentes a plantar máis de 2 millóns de árbores.

Con esta iniciativa, Galicia ten unha oportunidade para posicionarse na xeración de hidróxeno verde como combustible ecolóxico e factor de competitividade para o tecido industrial galego, ademais de impulsar a descarbonización.

Máis verde

O hidróxeno renovable posiciónase como un dos principais vectores enerxéticos no longo prazo debido a que a súa produción e consumo é neutral climáticamente e non xera emisións contaminantes. A diferenza doutras fontes enerxéticas renovables, o hidróxeno ten a capacidade de ser almacenado, como gas a presión ou en estado líquido, o que permite un maior grao de xestionabilidade.

O documento destaca que, ao final desta década, producirase unha aceleración da produción e aplicación do hidróxeno renovable en España e será plenamente competitiva fronte a outras tecnoloxías de produción. “Esta circunstancia facilitará a expansión do consumo de hidróxeno renovable en sectores difíciles de descarbonizar e en novas aplicacións, incluíndo o transporte marítimo e aéreo e os procesos enerxéticos industriais de alta temperatura”, segundo Aagesen, que engade que o desenvolvemento previsto pode converter España nun exportador de hidróxeno renovable ao resto de Europa».

O hidróxeno está destinado a converterse nun dos principais activos para lograr que España sexa unha das potencias europeas en xeración renovable, pero non a única. Actualmente o Goberno está elaborando outras dúas follas de ruta para o desenvolvemento da Eólica Mariña e as Enerxías do Mar en España coas que se pretende consolidar un sistema eléctrico 100% renovable non máis tarde de 2050.

Uns proxectos que tampouco son axenos á comarca de Ferrolterra, xa que tanto desde o Concello de Ferrol como desde a Xunta de Galicia e mesmo desde entidades privadas se está impulsando a posibilidade de que a comarca sexa un hub da eólica mariña con Navantia como eixo industrial. A experiencia acumulada polo estaleiro público nos últimos anos na construcción de infraestuturas para os maiores parques eólicos mariños do mundo e as novas posibilidades que se abren cos parques offshore flotantes, presentan unhas oportunidades inmellorables para que Ferrolterra se posicione como unha comarca pioneira na transición ecolóxica.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.