O Concello de Dumbría e o Club Alejandro Gómez organizan a segunda edición da Copa de España de ‘Mushing’ os días oito e nove de febreiro. A proba reunirá nos montes de Buxantes a 160 participantes de diversas comunidades autónomas como Galicia, Asturias, Castela e León, Aragón, Navarra, Euskadi, A Rioxa, Cataluña, Madrid e Andalucía. Entre eles, destaca a participación de César Castaño e Carla Mas, campións do mundo neste deporte.
Nesta segunda edición, o percorrido de 4 km presenta un trazado renovado, máis dinámico e accesible para os espectadores. Ademais, a organización adaptou os horarios de competición co fin de garantir as mellores condicións climatolóxicas para os animais, polo que as probas realizaranse entre as 9:00 e as 13:00 horas procurando que non se superen os 16ºC. A seguridade e o benestar dos cans é unha prioridade para a organización, contando coa supervisión continua de equipos veterinarios e o aval da Federación Española de Deportes de Inverno e da Federación Galega.
A proba incluirá diversas disciplinas dentro do mushing terra, como o bikejoring, no que o deportista vai en bicicleta unido a un can mediante unha liña de tiro; o DS2, no que o participante compite en patín con dous cans; o DS1, que segue o mesmo formato pero cun único can; e o canicross, unha carreira a pé onde o deportista vai unido ao seu can cun cinto e unha liña de tiro.
Desde o Concello de Dumbría destacan a importancia do deporte como motor de desenvolvemento local, apostando pola diversificación deportiva e a promoción turística da comarca. O acceso ao evento deportivo realizarase a través da estrada DP-2302, que conecta Hospital e Cee, con zona de aparcadoiro dispoñible para os asistentes. Mentre que os participantes poderán retirar os dorsais na tarde do venres 7 de febreiro, de 16:00 a 20:00 horas, nas instalacións do Conco.