Claves para entender a maxia e o misterio do Entroido galego

Peliqueiros de Lazar

Despois de moitas décadas de esmorecemento, o Entroido galego vive momentos felices. É, sen dúbida, unha das grandes festas tradicionais de Galicia. Festexo que esperta o interese de moitos, dentro e fóra das nosas fronteiras. Ben sexan reputados antropólogos ou cidadáns de a pé, a maxia e o misterio do Entroido non deixa indiferente a ninguén. Mais, entendemos o significado do Entroido, dentro da complexa tradición das mascaradas ibéricas? Que sabemos sobre a súa orixe? Mantivéronse sempre vivas? De quen depende que poidamos desfrutar delas? Son moitas as palabras clave que haberían de saír nesta eventual conversa: comunidade, compromiso, naturalidade, tradición…

Cómpre comezar devagar, explicando pouco a pouco algunhas ideas fundamentais sobre esta tradición. En xeral, o Entroido é a festa da risa e da burla, encadrada normalmente no mes de febreiro, antes do comezo da Coresma. Na Galicia, esta festa confórmana ritos e costumes comúns á vella Europa, compartidos co norte de España e Portugal, e mesmo con Francia, aínda que o noso presente boa dose de singularidade e identidade diferenciada.

Foron sempre festas espontáneas, sinxelas e liberadoras. Colectivas e populares. Críticas e desmitificadoras. 100% propias da aldea ou vila en cuestión. E, por iso, estudadas por académicos e intelectuais. Porén, poucas teñen chegado ata os nosos días e aquelas que sobreviviron son hoxe festas en boa medida programadas e institucionalizadas. Sexa como for, esta circunstancia non impide que sexan sumamente importantes a nivel patrimonial. Desde o meu punto de vista, as mascaradas ibéricas son un dos elementos patrimoniais máis salientables do noso país. Maxia e misterio en estado puro.

Entroido e Carnaval son o mesmo? Rotundamente non. Deterse nesta conceptualización non é unha gaitada. O carnaval urbano éche outra cousa. A mediados do século XIX, no marco das elites sociais e sempre na cidade, xurdiu un festexo de salón social, círculo recreativo ou casino; unha celebración con disfraces bonitos, carrozas, desfiles e comparsas uniformadas; un frenesí de confeti e serpentinas. Este carnaval urbano, de raíz italiana, responde a un tipo de celebración individualista, sen sentido de colectividade nin participación pola pertenza a un grupo estable. E isto non é Entroido, como poderemos comprender ao longo desta reportaxe.

Aínda que en todo o mundo o Carnaval viviu un boom desde finais dos anos 70, o caso particular das mascaradas rurais é diferente. Superados os momentos difíciles do franquismo —no que algún valente, a pesar da prohibición, mantiña o traxe e a máscara e tentaba saír—, chega a democracia a España e muda a situación da festa. Son festas que tiñan resistido no rural, pero, agora que? O feito de terse convertido nunha festa municipal valéronlles críticas entre os mais puristas: porque a perda da súa espontaneidade ao seren agora unha festa programada e subvenciona, disque lles fai perder a súa máis xenuína esencia, a de ser a festa do anticontrol e a antirregulación.

O que non se perdeu é o vínculo co lugar. Non podo estar máis de acordo con quen di: cada cousa no seu sitio e no seu tempo. Que sentido tería un enfouzamento de fariña na cidade? Ningún. A tradición, alí onde naceu. Tería lóxica firmar un testamento de burla cando nin tan sequera coñecemos o veciño do piso de abaixo, como adoita ocorrer nas cidades? Tampouco. En definitiva, todos deberiamos contribuír a que o Entroido manteña a súa esencia de festexo rural e colectivo, sen apropiación en ningunha das dúas direccións.

Afondando na festa

A análise das palabras “Entroido” e “Carnaval” lévanos a unha idea clara: é unha festa prólogo da Coresma. Carnaval, “Carne levare”, quitar a carne. Entroido, “introutus”, introdución.

E a orixe da festa? Non está rexistrada a data do seu nacemento. Nin tan sequera sabemos datas aproximadas. Prehistoria? Historia? O gran misterio do Entroido. Foi estudado desde o século XIX por antropólogos de todo o mundo. E sacáronse varias teorías, fundamentalmente dúas. Por un lado, as que sinalan a súa orixe prehistórica (Frazer ou Mannhardt), xa que estes ritos estaban presentes en todos os pobos salvaxes, encamiñados a favorecer o renacemento da vexetación e a fertilidade da terra; co carnaval comezaría un novo ciclo da natureza e os seus usos daquela responden a finalidades agrarias. Na actualidade, a maioría de estudios opinan que esta asociación prehistórica é ir demasiado lonxe. Fronte a iso, doutro lado, están as teses medievalistas (Van Gennep, Risco, Heers, Bajtin, Caro Baroja), as cales sinalan que as características da festa fixáronse na Idade Media e sempre da man do tempo de Coresma. O que non quita, claro está, que no ciclo carnavalesco permanecesen usos de raíz pagá…

En Asturias, na provincia de Zamora, en Navarra e noutras localidades do norte de España atopamos mascaradas moi similares ao Entroido galego en orixe, significado e elementos. Co Ihauteir navarro viaxariamos ata a localidade de Lantz para coñecer a Miel-Otxin, ziripote ou zaldiko, pero tamén poderiamos desviar o noso percorrido ata Zubieta e Iturin para ver desfilar os zanpantzar. E no Antroxu asturiano atopariamos o zamarrón, a aguilandera, o guirrio e o vexigueiro. Insistimos: todas elas festas ancestrais, cheas de maxia e misterio, da vella Europa.

A máscara é a esencia da tradición. Trátase dun elemento que cubre o rostro e lle confire o seu portador outra personalidade. Mais a festa non se reduce a agochar a cara cunha peza, senón que está chea de significados. Existiron máscaras en todas as culturas primitivas, de Oceanía ata Sudamérica. Etnólogos e antropólogos falan do fenómeno do enmascaramento como de un impulso primario do home. Pero pode ter diferentes significados. Non é o mesmo o seu sentido máxico e relixioso en aldeas prehistóricas, que o uso que se lle deu no teatro, nin tampouco a finalidade que leva no Entroido. Na nosa festa produce unha inversión de valores e con ela asúmese outra identidade.

O calendario do Entroido depende de cada localidade. Atopamos exemplos de poboacións onde a celebración se alonga durante días, como en Xinzo de Limia, que ten catro semanas de festa cos domingos fareleiro, oleiro, corredoiro e de entroido. Noutros casos, o Entroido limítase ao martes de Carnaval. De recente creación é o domingo de piñata, pasados os días principais.

O Entroido está presidido e simbolizado por un boneco chamado meco. A el atribúenselle todos os males da comunidade, aínda que despois lamentarase a súa morte, unha vez pasados os días de festa e desenfreo. O meco acostuma confeccionarse con palla e roupas vellas e cólgase nun lugar visible. Diante de el lerase o sermón e o testamento, e na súa despedida será enterrado ou queimado. O reinado de meco leva implícito un regulamento aceptado por todos. O sermón, tamén chamado testamento ou reparto, é a ocasión ideal para a burla colectiva, repasando os sucesos locais dese ano con sátira para todos os protagonistas. É unha boa mostra do profundo sentimento de unidade colectiva que ten o Entroido. Normalmente lese na xornada do martes, a última hora da tarde, diante de todos os veciños e está mal visto non asistir. Se ti es o obxecto das crítica ese ano… aguantas con mellor ou peor cara!

No relativo a comida do Entroido, lembramos que «carne levare» alude o alimento. A Coresma vai traer privacións, polo que o Entroido é tempo de excesos no comer e no beber. Son habituais as comidas familiares, xuntanzas de veciños e festas gastronómicas. Como tantas outras festas na Galicia, o Entroido celébrase arredor da mesa, confraternizando e invitando, especialmente á máscara. E o rei da gastronomía nestas datas…o porco. O Entroido é a primeira festa despois da matanza e por fin chega o tempo de desfrutar dos froitos do traballo da casa, como os chourizos. Os produtos típicos neste tempo son o lacón con grelos, o cocido, o botelo; e as filloas, orellas e bica de sobremesa.

Para rematar, habemos de facer referencia á música e á danza. Mais ningunha mostra específica de Entroido chegou ata os nosos días. Perdeuse? Ou é que se cantaban as cancións de sempre? O certo é que na meirande parte das aldeas non habería moita abundancia de instrumentos e o máis probable e que cada quen interpretase a música co que tiña.

Onde e cando vivir o Entroido?

Aínda que existen cantidade de mascaradas rurais por Galicia adiante, os máis senlleiros son os incluídos no triángulo máxico do entroido, isto é, os das localidades de Laza, Xinzo de Limia e Verín, cos seus peliqueiros, pantallas e cigarróns. Mais outros moitos merecen ser mencionados: o boteiro de Viana do Bolo, o oso de Salcedo, o galo de San Pedro da Mezquita, os Xenerais da Ulla, as madamas e galáns de Cobre…

Todos estes personaxes forman parte do imaxinario colectivo dos galegos. Quen non viu, xa desde a súa infancia, fotografías e vídeos dos peliqueiros? Eternamente presentes, os protagonistas do Entroido compoñen un patrimonio inmaterial único na nosa terra. Pero, cantos de nós os temos visto en persoa? Se cadra desvirtualizalos, como se di no argot actual, non é algo tan habitual…

Organizar unha visita o Entroido non é tarefa sinxela. A loxística é complexa, especialmente á hora de atopar aloxamento. E non digamos xa ser quen de participar con respecto cara a festa a cara os locais, non como un turista moderno, senón como un bo viaxeiro. Dada a dificultade, unha boa maneira de comezar é visitar o Museo do Entroido de Xinzo de Limia, onde poderás ver en persoa todos os traxes e estará o teu alcance moitísima información de utilidade. Tamén, marca na túa axenda o desfile de Entroidos tradicionais que todos os anos organiza o concello de Santiago de Compostela, con saída desde a Praza do Obradoiro.

E daquela si, ben poderiamos preguntar: anímaste a vivir a maxia do Entroido?

PD: eternamente agradecida a Maricarmen, Isolina e Mónica. Nunca esquecerei como coñecín o entroido de Laza, da Mezquita e de Sande grazas a vós.


Más en mariaberini.es

Publicidad
Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.