A Deputación colaborará na mellora estrutural do centro terapeútico de ASFEDRO en O Confurco

Se dotará ás instalacións dunha nova cuberta, saneamento e melloras de eficiencia enerxética
Asfedro_1

O presidente da Deputación da Coruña e o alcalde de Ferrol visitaron hoxe a comunidade terapéutica O Confurco-ASFEDRO. Acompañados da presidenta e o secretario da entidade, Rosario Alabau e Francisco Varela, coñeceron as instalación e os diferentes programas e servizos que ofrecen para tratar e rehabilitar ás persoas con problemas de drogodependencias e que contan co apoio económico da Deputación a través das liñas de subvencións de Servizos Sociais.

Os responsables da entidade destacaron a longa traxectoria de colaboración entre a Deputación e ASFEDRO, que permitiu ao longo dos anos adquirir a práctica totalidade do equipamento actual do centro (cociñas, mobles, etc.) e adecuar o inmoble ás necesidades dos usuarios e usuarias. Así mesmo trasladaron a necesidade de substituír o tellado, que despois de case tres décadas precisa de continuas reparacións para evitar filtracións de auga e humidades, e dotar ao centro de saneamento.

González Formoso anunciou que a Deputación destinará 60.000 euros para executar esta importante obra de substitución da cuberta, atendendo así a petición do alcalde de Ferrol e da propia entidade. «Vimos de ver que é unha obra urxente e necesaria para permitir que a gran labor social que desenvolve este centro en toda a comarca siga efectuándose» afirmou o presidente, que comprometeu o apoio económico da Deputación para efectuar as obras o vindeiro ano. A Deputación estudará tamén a súa colaboración para as obras de dotación de saneamento e para introducir melloras de eficiencia enerxética a través da Axencia Enerxética Provincial que, «suporán unha importante mellora estrutural do edificio e da calidade de vida dos usuarios», afirmou.

Os responsables de ASFEDRO explicaron que a entidade fundouse por iniciativa social no ano 1985 co obxectivo de dar unha resposta integral e profesional aos problemas de drogodependencias, impulsar a integración social destas persoas e sensibilizar á sociedade sobre a importancia da prevención.

Ademais da comunidade terapéutica do Confurco, situada na parroquia de Doniños, onde se realizan tratamentos de deshabituación e rehabilitación en réxime residencial que inclúen atención médica e psicoterapéutica, ASFEDRO conta tamén cun Centro de Día, onde se desenvolven actividades encamiñadas a favorecer a integración social e laboral das persoas en colaboración con entidades externas coma o Centro de Formación Ocupacional e Profesional de Ferrol, escolas-obradoiro ou empresas locais.

Cursos de informática, xardinería ou repostería, actividades deportivas, obradoiros de estudo e formación, programas de prevención de recaídas…son algunhas das actividades que mantén ASFEDRO ao longo do ano.

 

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.