A Consellería de Sanidade comezou a publicar, por primeira vez desde o inicio da pandemia, os datos desagregados por Concellos e, ademáis, está a ofrecer nova información sobre o alcance do Covid-19 na área sanitaria de Ferrol que non se coñecía ata agora. Durante a primeira onda da pandemia os datos ofrecidos pola Dirección Xeral de Saúde Pública non chegaron a contemplar os casos reais activos ata o 29 de abril, cando se empezaron a facer públicas tamén as altas epidemiolóxicas. Ata entón só se tiña coñecemento do número total de casos detectados.
Agora, grazas á nova información feita pública pola Consellería, podemos saber que o maior pico da pandemia foi do 6 ao 10 de abril, coincidindo coa Semana Santa, con ata 337 casos activos, máis do triple dos que se rexistran a día de hoxe. Foi a partir desa data cando a curva empezou a dobrarse e o número de contaxios descendeu paulatinamente ata quedar en a área libre de covid (con cero casos) o 19 de xullo.
Outro dos datos que fixo públicos Sanidade e que dan boa conta do alcance da pandemia nos meses de marzo e abril é o porcentaxe de infeccións por test PCR realizados, que chegaron a alcanzar o 36% de positividade. Actualmente non chega ao 2%. Isto débese en gran parte ao maior control que o Sergas implementou sobre a poboación, incrementando o número de probas realizadas, que a día de hoxe superan as 200 diarias na área sanitaria de Ferrol, entre as que se realizan no Marcide, no Punto Móbil de Novoa Santos e a domicilio.
A nova información feita pública pola Xunta tamén especifica que actualmente o 55.7% dos infectados son mulleres e 44.3% restante son homes. Ademáis, un 41,2% dos falecementos déronse entre a franxa de idade de 80 aos 89 anos e so un 8% tiña menos de 69 anos.