O Centro Cultural Francisco Piñeiro de Moeche acolleu esta mañá un encontro urxente entre representantes municipais e de RENFE no que os concellos volveron esixir o restablecemento inmediato dos servizos ferroviarios no eixo Ferrol-Ribadeo, interrompidos na súa maioría trala declaración do primeiro estado de alarma sanitario.
Unha esixencia que se acompañou, ademais, do recordatorio para que se cumpran os acordos alcanzados xa en 2018 sobre o mantemento da maquinaria e das infraestruturas. Desde a operadora do transporte achacan a redución de servizos a un descenso no número de viaxeiros provocado pola pandemia, asegurando que a súa intención é ilos reactivando na medida en que vaia aumentando a demanda.
Os concellos non dán por boa a resposta de RENFE e aseguran que a demanda existe, pero que faltan os servizos para atendela e, en calquera caso, que a crise sanitaria «non xustifica que se suspendan os traxectos máis necesarios, como é o de primeira hora da mañá entre Ortigueira e Ferrol e o de volta da última hora da tarde», tal e como sinalou a rexedora de Moeche, Beatriz Bascoy.
Á xuntanza asistiron tamén os alcaldes de San Sadurniño, Burela, Cerdido e Ortigueira e, por parte de RENFE, o delegado insitucional para Galicia da empresa, Javier Pérez, o xerente de Servizo Público da zona de Asturias e Renfe Viajeros, Javier González, e o xerente do servizo en Galicia, Enrique Fonte. A empresa comprometeuse -aínda que sen dar datas- a reactivar a liña Ortigueira-Ferrol das 06.30 horas, a máis utilizada polo alumnado de institutos e traballadores, e tamén a de regreso a Ortigueira con saída desde Ferrol ás 20.00 horas.
Os concellos presentes no encontro desta mañá tamén anunciaron que promoverán «para xa» unha xuntanza á que asistan todos os representantes municipais das comarcas de Ferrol, Ortegal e A Mariña, a Plataforma en Defensa do tren Ferrol-Ribadeo, RENFE e máis ADIF «e tamén representantes políticos do Estado e da Xunta, xa que a supervivencia do noso tren depende dun impulso máis político que técnico».
Neste sentido instarase á operadora e á encargada do mantemento da infraestrutura a que preparen un informe sobre todas as actuacións concretas que se desenvolveron e cales quedarían aínda por cumprir daquel acordo alcanzado hai dous anos para a mellora do servizo.
«Os concellos estamos cansos de xuntanzas sen resultados concretos. RENFE e ADIF adquiriron o compromiso de incrementar frecuencias e mellorar tanto as vías como a maquinaria. Ese compromiso non se chegou a cumprir de todo, logo veu a crise sanitaria e interrompéronse servizos que aínda hoxe están pendentes de recuperarse a pesar de ser fundamentais para a mobilidade desta zona.
Entendemos que coa COVID-19 se modificasen frecuencias, pero iso non xustifica que se suspendan os traxectos máis necesarios», explica Beatriz Bascoy aludindo, principalmente, ao itinerario Ortigueira-Ferrol de primeira hora da mañá e o tren de regreso do serán.
