Onte tivo lugar unha reunión de carácter urxente convocada pola ANPA Picapeixe e as representantes das familias do Consello Escolar do CEIP Nicolás del Río de Cedeira. O motivo principal da xuntanza foi a carencia de recursos de apoio ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE) e necesidades educativas especiais (NEE).
A comunidade de pais e nais denuncia que, desde o inicio do curso 2024/2025, se vén observando neglixencias por parte da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades en relación ás necesidades educativas dos estudantes deste centro. A falta de apoio foi coñecida polas autoridades antes de comezar o curso, pero foi desmentida e descoidada por parte das autoridades competentes.
Os recursos actuais de apoio ao alumnado NEAE e NEE son claramente insuficientes, e a situación empeorou co ingreso dun novo estudante con NEE, de grao elevado de dependencia, para o cal non se dotou ao centro de persoal especializado (PT e PAC), deixando ao alumnado sen a atención adecuada. A comunidade educativa tamén denuncia a redución de 60 horas de atención docente debido á falta de profesorado e a non cobertura de horas de libre disposición, o que tamén afectou á PT provisional do centro. Tampouco se concederon programas como o PROA+ ou Acompaña, que serían fundamentais para o apoio do alumnado.
A situación que se arrastra desde o curso pasado empeorou, xa que se pasou de contar con tres coidadoras en febreiro de 2024 a unha e media no presente. A comunidade educativa, composta tanto por familias de alumnado con NEE como de alumnado sen estas necesidades, está cada vez máis desbordada por esta realidade.
As representantes das familias sinalaron que continuarán coa mobilización e coas protestas ata que as autoridades educativas doten ao centro dos recursos necesarios para garantir a atención adecuada a todo o alumnado.