Mato e Feijoo solicitarán ao Goberno de Sánchez a construción dun buque no 2021 e do dique seco para reactivar o naval

O alcalde de Ferrol trasladoulle tamén ao presidente da Xunta as grandes vantaxas que significaría para a comunidade a instalación dun parque de eólica mariña nas costas galegas
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Santiago de Compostela, 20/10/2020.
O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reúnese co alcalde de Ferrol, Ángel Mato. Santiago de Compostela, 20/10/2020.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, plasmaron hoxe a súa postura común en canto á necesidade de que Navantia dispoña de carga de traballo suficiente para garantir que os estaleiros da ría manteñan a súa posición como eixo industrial da comarca. Como parte dese futuro da empresa pública, Mato coincidiu con Feijoo nas potencialidades que ten a eólica mariña como parte da diversificación dos estaleiros.

Por iso, tralo encontro de hoxe acordaron solicitar formalmente ao Ministerio de Defensa e á SEPI que se leve a cabo de xeito inmediato a construción do dique seco, así como un barco ponte que permita reactivar o naval, mentres non se pon en marcha a execución das fragatas F-110.

É, asegurou Mato, unha intervención “fundamental e básica” para que o estaleiro siga sendo competitivo, algo co que coincidiu tamén o presidente da Xunta. Tamén darlle un impulso á sección de reparacións, e á fábrica de turbinas polo “importante papel” que xoga neste momento a transición ecolóxica. Respecto disto último, Mato tamén aproveitou a visita a Santiago para pedirlle ao presidente que estude as posibilidades de promover ou facilitar a construción dun parque de enerxía eólica mariña nas costas galegas.

“Tanto o dique seco como un novo barco son fundamentais para que Ferrol non se siga deteriorando desde o punto de vista do emprego. Non podemos esperar polas fragatas ata 2022 ou 2023, necesitamos un novo barco que dea carga de traballo”, aseverou Feijóo, subliñando que a situación social da comarca sería insostible.

 

Así, para Mato, a colaboración entre as grandes compañías, cando está á vista un programa tan importante como o das fragatas F-110 que leva aparellados numerosos proxectos tecnolóxicos, debe ser fomentada a través dunha colaboración público-privada que permita que o talento e o emprego de calidade se fixen na comunidade. As sinerxias poderían xerarse, dixo, tamén con ese centro de excelencia do naval que vai tomar forma no CIS da Cabana.

O presidente galego acolleu a proposta como “unha idea que merece a pena ser estudada de forma concreta” porque, avanzou, “pode frutificar”. Núñez Feijoo afirmou que debe ser analizada “con rigor e co máximo interese” e aproveitou para insistir en que para que este tipo de proxectos se materialicen é necesario que Navantia poida desenvolver todas as súas capacidades. Tamén coincidiu co alcalde en que en Galicia xa están asentadas “unha serie de empresas importantes como Navantia ou Urovesa” ás que se podería unir o proxecto de avións non tripulados que se desenvolve en Rozas.

No transcurso do encontro, Mato propúxolle a Feijoo a creación dun clúster da defensa en Galicia que sirva para xerar sinerxias entre empresas que xa están implantadas na comunidade. O rexedor ferrolán lembrou que se trata dun sector que inviste máis dun 4 % en I+D+i e que é netamente exportador, xa que máis dun 80 % do que se produce en España véndeselles a outros países. Lembrou tamén que por cada euro que se inviste o retorno é de tres, e que todo o que se desenvolve para a industria da defensa ten posteriormente aplicacións civís.

Mato e Feijoo trataron, ademais, outros temas de importancia para a cidade, como son a construción da vía de alta capacidade pola costa e o apoio da Xunta para acadar a mellora das comunicacións ferroviarias da cidade. Ambos coincidiron na importancia de mellorar o ferrocarril A Coruña-Ferrol, que precisa dun investimento aproximado de 150 millóns de euros “para non quedar descolgado da alta velocidade”.

Dentro dun encontro que o alcalde cualificou de “moi proveitoso”, analizaron a marcha das obras de ampliación que a Xunta de Galicia está acometendo no Hospital Arquitecto Marcide. No ámbito sociosanitario, o titular do Goberno galego e o alcalde abordaron a construción dunha nova residencia na cidade, dentro do plan da Xunta en colaboración coa Fundación Amancio Ortega. Se ben a Xunta segue pendente da ubicación facilitada por parte do Concello, Feijóo salientou que esta nova obra, que suporá un investimento de 12 millóns de euros, contará con 120 prazas e a creación de 110 empregos vinculados ao servizo.

Candidatura a patrimonio mundial

Ángel Mato aplaudiu que o presidente galego mostrata “o seu apoio á posta en valor do noso patrimonio histórico coa candidatura de ‘Ferrol, Porto da Ilustración’ a patrimonio mundial”, un apoio que o propio Núñez Feijoo cualificou de “incondicional”. Destacou tamén os avances do plan Rexurbe da Xunta de Galicia en Ferrol Vello, que dotado con máis de 8 millóns de euros e permitirá poñer a disposición da cidade 21 inmobles rehabilitados.

 

 

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.