Marín acollerá esta fin de semana a primeira edición da Vila do Libro no municipio, unha iniciativa cultural que naceu hai anos en Cataluña co obxectivo de transformar espazos públicos en puntos de encontro arredor da lectura, a palabra e a creación. A proposta chegou a Galicia por primeira vez o ano pasado cunha exitosa experiencia piloto en Pontedeume, que terá segunda edición neste 2025.
A programación desenvolverase do venres 16 ao domingo 18 de maio en distintos espazos da vila como a Alameda, a Igrexa Vella, a Rúa Real ou a Finca de Briz, cunha combinación de obradoiros, recitais, contacontos, música en directo e encontros literarios para todos os públicos.
Un Freestyle con Gallos del Norte
O venres 16 arrinca cunha actividade para centros escolares, Versos que florecen, con poesía e música a cargo de «Fentos e frouma». Pola tarde, celebrarase un concerto de freestyle con Gallos del Norte, a inauguración oficial e unha conversa co escritor Manel Loureiro, quen falará cos seus lectores na actividade Os libros da miña vida acompañado por Ramón Mella.
O sábado 17 a programación continúa con múltiples propostas simultáneas. Pilar Arnau e Sebastià Bennasar conversarán sobre o labor de Josep Maria Llompart como tradutor de poesía galega ao catalán. Celebraranse obradoiros de papel e encadernación a cargo de Sastres Paperers, contacontos con Juan Baquero e actuacións como a das pandeireteiras As Chaneiras. A xornada inclúe tamén un acto institucional polo Día das Letras Galegas, con entrega do XVIII Premio de Narración Curta do Concello de Marín, recitais poéticos e o espectáculo María Casares, con Sabela Hermida.
A música coral e as reflexións sobre as letras serán protagonistas ao peche do día, con agrupacións de Marín, Vigo e Navia.
O domingo 18 abrirá coa Feira do Libro «Unha dorna de libros, un mar de ilusión», promovida pola Asociación de Mulleres Intercambio do Saber. A programación inclúe contacontos infantís, un obradoiro de novela criminal con Elena Gallego Abad, unha charla de Sebastià Bennasar sobre o capitán Nemo como ecoloxista avant la lettre, e o encontro literario con Francisco Castro. A tarde completarase con novos recitais, un concerto de primavera na Finca de Briz e unha homenaxe ás cantareiras con Felisa Segade e Montse Rivera, fundadoras do grupo Leilía.
Con esta edición, Marín súmase a unha rede de vilas que apostan por levar a cultura á rúa e fomentar o uso da lingua galega a través dunha programación diversa, interxeracional e pensada para todos os públicos.