O Pazo da Cultura acolleu esta tarde, a partir das 18.30 horas a “Convocatoria investimento Netin Club Narón” dirixida a emprendedoras e emprendedores. Na convocatoria participaron preto de cincuenta persoas de xeito presencial e outras 300 vía telemática, dando así cumprimento ás normativas en vigor debido á actual situación sanitaria para o desenvolvemento deste tipo de actos. O Conselleiro delegado de Netin Club, Enrique Saint-Gerons deu a benvida aos participantes no evento, agradeceu a colaboración do Consistorio naronés e asegurou que “é un auténtico privilexio para nós estar aquí hoxe, amosando as posibilidades que ofrece Narón como centro para a promoción do investimento e o emprendemento en Galicia”.
A continuación o edil de Promoción Económica, David Pita, agradeceu aos integrantes de Netin Club o feito de que pensasen en Narón para desenvolver este evento e a colaboración de todos os ponentes. “Dende o Concello queremos destacar o importante papel que xoga o tecido empresarial da cidade e tamén as posiblidades que ofrecen os tres polígonos industriais ubicados no termo municipal”, indicou. Así mesmo, subliñou que “queremos ofrecer ás empresas todas as posibilidades e colaboración necesarias para que se asenten neste concello porque queremos ser terra de emprendedores e atraer a novos inversores”.

A primeira das ponencias, sobre “Que é Netin Club?” correu a cargo de Jesús López, director de Netin Club na Coruña e Lugo, que destacou a implicación do Concello de Narón con este evento e explicou as liñas de traballo de Netin Club, un club de inversores privados. Trala súa intervención cedeu o turno ao empresario naronés José Ramón Franco, xerente do Grupo Intaf, que explicou aos participantes a súa experiencia empresarial, que partiu dun negocio familiar e que hoxe en día é todo un referente non só a nivel nacional senón tamén internacional dende as súas empresas, con sede en Narón.
Entre o público atopábanse representantes de varios fondos de investimento nacionais que escoitaron atentamente aos representantes das catro “start up” que presentaron as súas estratexias e previsións de negocio nesta convocatoria, a primeira ronda de investimento de Netin Club organizada no norte de España.
Os proxectos que se presentaron foron: Smartwood, sobre o achegamento da dixitalización ao mundo rural, a agricultura e o sector forestal; Eprox, unha e-comerce que trata de impulsar o comercio local dotando aos pequenos establecementos dunha ferramenta dixital que dea visibilidade aos seus produtos; LiipCare, que creou unha pulseira que axuda aos pais no coidado dos seus fillos e fillas e Ertha, que impulsa unha alternativa sostible e altamente ecolóxica ás tablas de surf convencionais.
Durante un tempo aproximado de cinco minutos os responsables de cada un destes proxectos expuxeron as súas propostas ante os inversores alí presentes e os que participaron, xunto con outras emprendedoras e emprendedores vía telemática.
O cofundador da empresa Coinscrap, David Conde, explicou aos participantes como facerse socios de Netin Club e resumiu o traballo que se desenvolve dende esta entidade. Finalmente, José Antonio Caballero, CEO de Netin Club, encargouse de clausurar a convocatoria, na que tamén estivo presentes Yolanda Tomico, directora xerente da entidade.