A portavoz nacional, Ana Pontón, realizou unha visita ás Fragas do Eume para valorar in situ o recente episodio de turbidez das augas do río para explicar as propostas do BNG para a recuperación ambiental e o impulso económico e social deste enclave natural.
A líder nacionalista puxo sobre a mesa a necesidade de actuar no inmediato, pero tamén a medio e longo prazo, e para iso o Bloque formula o Plan Eume co que pretende mobilizar un total de 250 millóns de euros para a recuperación ambiental e a dinamización económica e social dun espazo natural emblemático que afecta a catorce concellos.
O Plan de rexeneración ambiental do Eume, a executar entre 2020-2021 ten como obxectivo a descontaminación e a rexeneración, “porque o primeiro paso é salvar o río”, indicou. Neste sentido, lembrou a batería de medidas presentadas no Parlamento reclamando a realización dunha auditoría ambiental, un estudo rigoroso e independente que inclúa tamén as actuacións necesarias para a recuperación e a rexeneración do río e do seu entorno.
A segunda pata ou liña de traballo do Plan Eume está no Plan de actuación plurianual 2021-2025 co que se pretenden mobilizar 250 millóns de euros e que debe ser elaborado coa implicación de todos os concellos afectados pola conca do río, así como os axentes económicos e sociais afectados. Para a súa xestión, o BNG propón a fórmula dun consorcio ou dun convenio coa participación dos municipios e da Deputación da Coruña.
“Este plan plurianual debe recoller actuacións de conservación e recuperación do patrimonio natural e cultural, actuacións de dinamización socioeconómica, actuacións de promoción, divulgación e participación e investimentos en mellora de infraestruturas e servizos”, especificou Pontón.