Unha nova senda para pechar o cinto verde de Lugo

No conxunto destas actuacións –a nova senda entre o Miño e o Rato, a restauración do caneiro e a recuperación do muíño– o Concello encadra tamén a posta en valor da contorna da Fábrica da Luz, que aspira a transformarse nun polo de atracción ambiental e cultural.
WhatsApp Image 2025-11-19 at 12.41.12 (1)

As obras para conectar os paseos fluviais do Miño e do Rato entran na súa fase final e permitirán pechar o cinto verde de Lugo, unha das actuacións máis demandadas polos usuarios destes espazos. Se as condicións meteorolóxicas do inverno o permiten, a conexión podería entrar en servizo a partir do 10 de xaneiro de 2026.

Os traballos comezaron o 9 de setembro de 2025 e están a ser executados pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS) en virtude dun convenio co Concello de Lugo, cun investimento de 225.000 euros. A intervención dá continuidade aos percorridos existentes ao redor do río e resolve unha desconexión histórica entre dous espazos moi utilizados pola veciñanza para o paseo e o deporte.

Durante unha visita ás obras, o alcalde, Miguel Fernández, e o presidente da CHMS, José Antonio Quiroga, destacaron o alcance da actuación. Desde a Confederación indicaron que a obra está practicamente rematada, á espera da instalación das 17 luminarias LED, do mobiliario urbano e do sementado con gramíneas nos máis de 20.000 metros cadrados de superficie, cando a climatoloxía sexa favorable.

O alcalde subliñou que a actuación non consiste só na creación dunha nova senda, senón que se enmarca nun modelo de cidade vinculado á sustentabilidade e á integración do río na vida urbana. Lembrou tamén que Lugo é a única capital de provincia declarada Reserva da Biosfera, e que este tipo de proxectos buscan compatibilizar a protección ambiental co uso social do espazo fluvial.

A nova conexión permitirá recorrer de forma continua todo o ámbito fluvial urbano, converténdoo nunha zona de uso habitual para paseo, deporte e lecer ao aire libre, ademais de mellorar a accesibilidade a unha área que ata agora estaba ocupada por maleza e sen acondicionar.

Unha senda deseñada ao detalle e integrada na paisaxe

A actuación céntrase na posta en valor dunha franxa de máis de 20.000 m², onde se levou a cabo o desbroce da parcela, incluíndo a retirada de árbores mortos ou con risco de caer e de restos vexetais acumulados ao longo dos anos. A partir de aí procedeuse á preparación do terreo, retirando a capa de terra vexetal no trazado da senda, realizando pequenos movementos de terra para acadar unha superficie regularizada e acometendo despois a compactación da plataforma para asegurar a estabilidade do firme.

O novo itinerario aproveita o trazado dun vello sendeiro informal, que ata agora permanecía invadido pola maleza e convertíase nun lamacal nos puntos baixos durante os períodos de choiva. Sobre esa traza histórica definíuse unha senda de dous metros de ancho. Ao longo do trazado instalaranse cinco bancos de granito, pensados para facilitar o descanso e a contemplación da paisaxe, así como papeleiras metálicas para favorecer a correcta conservación do entorno e evitar vertidos incontrolados.

No eido da iluminación está prevista a colocación de 17 luminarias LED, similares ás existentes noutros tramos do paseo, montadas sobre columnas metálicas de catro metros de altura. Este sistema garante unha iluminación eficiente e homoxénea, mellora a seguridade viaria e persoal e permite o uso da senda en horarios de menor luz natural sen renunciar a criterios de aforro enerxético.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, durante a visita ás actuacións no ámbito fluvial do Miño

A obra inclúe tamén unha parte de integración ecolóxica, con sementeira manual de céspede natural e a plantación de especies autóctonas, como carballos, freixos, abeleiras e bidueiros. Ademais, instalaranse casetas-refuxio para esquíos como medida complementaria para favorecer a presenza de fauna.

Desde a CHMS apuntan que se trata dun exemplo de cooperación entre administracións para actuar de forma responsable sobre un espazo natural de titularidade pública, cun enfoque que combina intervención técnica, recuperación ambiental e mellora do uso cidadán.

O caneiro de Acea de Olga

Paralelamente á obra da senda, xa remataron os traballos de restauración do caneiro de Acea de Olga, unha infraestrutura incluída no Inventario Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia e que presentaba un importante estado de deterioro, con filtracións, descalces, deslizamentos e deterioro estrutural.

A CHMS financiou o 100 % desta actuación, cun investimento de 697.591,37 euros, tras a declaración de extinción do aproveitamento de augas que alimentaba o antigo muíño fariñeiro. Isto permitiu que tanto o caneiro como o muíño revertesen ao dominio público, abrindo o camiño a unha intervención integral.

A restauración realizouse con canteiros especializados en técnicas tradicionais, debido ao seu valor histórico e patrimonial. Un dos elementos máis relevantes da obra foi a construción dun paso de peixes innovador, aproveitando unha antiga rotura do caneiro, co obxectivo de mellorar a conectividade do río e facilitar o movemento de especies como troitas e bogas.

Ademais, desenvolveuse un proxecto científico que incluíu o transloque e marcado de preto de 15.000 náiades, moluscos fluviais especialmente sensibles ás alteracións ambientais, reforzando así o carácter ambiental e investigador da actuación.

Co azud restaurado, mellórase a visión do conxunto fluvial en torno á ponte romana, refórzase a lectura do río como eixe histórico de Lugo e facilítase o uso da zona por parte de piragüistas e deportistas

O Muíño de Acea de Olga

No que respecta ao Muíño de Acea de Olga, a CHMS tamén financia o 100 % da súa rehabilitación, cun orzamento de preto de 900.000 euros, grazas a un convenio coa Universidade de Santiago de Compostela (USC). A previsión é que as obras poidan rematar a finais de 2025, se a climatoloxía non provoca novas interrupcións como as ocorridas en setembro e outubro de 2024 polas crecidas do río.

Unha vez rehabilitado, o edificio será cedido á USC para convertelo nun espazo de divulgación do patrimonio fluvial e científico. O proxecto contempla a recuperación dos catro muíños orixinais, con distintos usos: un con muíño tradicional operativo, outro para xeración eléctrica, un terceiro con posibilidade de aproveitamento mecánico e un cuarto baleiro para permitir a observación da súa estrutura interior con fins didácticos.

Estas actuacións complétanse con traballos de limpeza e mantemento do río, un futuro convenio para actuar no nacemento do río Rato, estudos para mellorar a zona da rúa Fermín Rivera e intervencións na contorna da Fábrica da Luz, que o Concello quere converter nun espazo de referencia ambiental e cultural.

No conxunto, todas estas obras configuran unha actuación integral sobre o río Miño en Lugo, combinando infraestruturas, recuperación patrimonial, mellora ambiental e uso social do espazo fluvial.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.