Estas son as finalistas a Palabra do Ano 2025 en Galicia

As seis candidatas condensan preocupacións sociais, fenómenos culturais e debates que marcaron o ano en Galicia e no mundo
Imaxe de arquivo de letras | PIXABAY
Imaxe de arquivo de letras | PIXABAY

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié deron a coñecer as seis candidatas a Palabra do Ano 2025: desfeita, foliada, loia, lume, retrinco e xenocidio. Todas elas condensan preocupacións sociais, fenómenos culturais e debates que marcaron o ano en Galicia e no mundo.

Desfeita: unha palabra de sempre para nomear os desastres de hoxe

Fronte a neoloxismos efémeros e estranxeirismos que adoitan substituír conceptos xa asentados, desfeita mantense viva como palabra comodín para referirse a destrucións, involucións ou caos de distinta natureza. No discurso público galego do 2025 utilizouse tanto para falar de impactos ambientais como para describir situacións sociais ou políticas que se perciben como un retroceso ou deterioración.

Foliada: festa, música e comunidade nun ano marcado polas cantareiras

O Ano das Cantareiras contribuíu a revitalizar o uso de foliada, que designa as reunións tradicionais nas que a xente canta, baila e goza da festa en comunidade. O termo ampliou o seu significado e úsase tamén para calquera celebración buliciosa que combina música, baile e socialización, converténdose nun símbolo da cultura popular galega contemporánea.

Loia: a palabra galega para combater a desinformación

En tempos de “fake news”, Galicia reivindica o seu propio termo: loia. Esta voz, xunto coa súa variante loiada, designa aquilo que alguén presenta como verdadeiro sabendo que é falso. Durante o 2025, coa crecente preocupación pola desinformación dixital e pola manipulación en redes sociais, loia gañou presenza no debate público, instalándose como alternativa galega e expresiva para falar de bulos e mentiras difundidas en internet.

Lume: a alerta polo agravamento dos incendios

Ao longo do verán, lume empregouse cada vez máis como sinónimo de incendio forestal, nun contexto marcado polo avivamento dos lumes asociados ao cambio climático. No balance do 2025, a palabra resume a preocupación social pola degradación ambiental, a perda de biodiversidade e o impacto territorial dos grandes incendios que afectaron Galicia e outras rexións atlánticas.

Retrinco: da memoria de Castelao aos triscos dixitais da era dos clips

Retrinco, termo moi ligado á figura de Castelao, designa segundo o Dicionario “cada un dos anacos que sobran dunha cousa despois de cortala” e tamén un “espazo moi breve de tempo”. A RAG destaca que, na era dos reels, clips e microcontidos, a palabra podería renacer para nomear os pequenos fragmentos de realidade, reais ou ficcionados, que se consumen constantemente a través das pantallas.

Xenocidio: un termo instalado no debate internacional do 2025

Xenocidio é a palabra que define a exterminación intencionada dun grupo humano por motivos étnicos, relixiosos ou políticos. No 2025, o termo estivo moi presente na escena internacional: empregouse para cualificar a situación do pobo palestino nos ataques de Israel.

Como votar pola Palabra do Ano 2025

A cidadanía pode participar na elección da palabra gañadora a través de portaldaspalabras.gal ata o 21 de decembro. O resultado final coñecerase a finais de mes.

As últimas Palabras do Ano

O certame converteuse nun dos eventos lingüísticos máis seguidos en Galicia. Ao longo dos últimos anos, a elección fixo visibles palabras que marcaron a actualidade social, cultural ou tecnolóxica. Estas son todas as gañadoras dende 2014, ano no que comezou esta iniciativa:

  • 2024: Cantareira
  • 2023: Cibercarracho, -a
  • 2022: Comadre
  • 2021Tanxugueiras
  • 2020: Nós
  • 2019: Sentidiño
  • 2018: Deseucaliptización
  • 2017: Afouteza
  • 2016: Irmandade
  • 2015: Refuxiado, -a
  • 2014: Corrupción

Estas eleccións reflicten non só a evolución da lingua, senón tamén a pegada emocional e social de cada momento histórico.

A RAG e a Fundación Barrié convidan a toda a cidadanía a formar parte deste proceso e a compartir a iniciativa nas redes sociais. A Palabra do Ano 2025 pode ser unha oportunidade para reflexionar colectivamente sobre o que significou este ano e sobre o que desexamos para o que vén.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.