A Sala Malatesta, en Santiago, anuncia o seu peche definitivo: «Foi duro, mais tamén fermoso»

A sala, un dos espazos de referencia para a música e a cultura alternativa na capital galega os últimos dez anos, pecha denunciando a "persecución" por parte do Concello
Sala Malatesta (2)

A Sala Malatesta, un dos espazos de referencia para a música e a cultura alternativa en Santiago de Compostela durante a última década, anunciou este venres o seu peche definitivo. A decisión, comunicada a través das redes sociais do propio proxecto, chega tras un ano marcado por sancións, trámites administrativos e un conflito aberto co departamento de Urbanismo do Concello de Santiago.

Nun comunicado extenso, a dirección da sala detalla unha cronoloxía dos feitos ocorridos en 2025, que —segundo afirma— desembocaron na imposibilidade de continuar coa actividade. A Malatesta explica que foi sancionada a comezos de ano, o que obrigou a un paro de nove meses, entre o tempo de resposta municipal e o período de cumprimento da sanción. Esta situación levou ao equipo a iniciar un proceso xudicial.

Unha vez cumprida a sanción, a sala notificou ao Concello a súa intención de reabrir, mais a administración esixiulle o pago dunha taxa de 980 euros e a presentación do seguro de responsabilidade civil. Tras entregar a documentación requirida, a sala retomou a súa programación, aínda que —segundo relatan— apenas dez días despois recibiron unha orde de peche baseada nun decreto aprobado en xuño de 2025. A Sala Malatesta sostén que esa normativa non debería afectarlle e nega que se producise ningún cambio de actividade. Ademais, indican que presentaron un recurso hai 27 días, sen obter resposta.

No comunicado, o equipo denuncia o que considera unha “persecución” por parte do Concello e un endurecemento dos requisitos administrativos nos últimos anos, que —afirma— implicaron investimentos de milleiros de euros en melloras de seguridade, protección contra incendios e illamento acústico. “Fomos tratados con crueldade e desprezo”, aseguran, recalcando que esa é a súa opinión sobre a actuación municipal.

A Malatesta subliña tamén o seu papel dentro do tecido cultural compostelán, reivindicando ter sido un espazo alternativo clave na vida artística e social da cidade. “Na diversidade de oferta de lugares está tamén o crecemento da Cidade e sen este espazo a cidade perde”, lamentan.

O peche definitivo implica a cancelación de todos os eventos programados, cuxas entradas serán reembolsadas nos vindeiros días. O proxecto tamén anuncia que iniciará un novo proceso legal para impugnar o que consideran un “peche arbitrario”.

Con este anuncio, Santiago perde unha sala con dez anos de historia e programación estable, que acolleu concertos, eventos sociais e actividades culturais de múltiples colectivos. A despedida do comunicado conclúe con agradecemento a traballadores, promotores, artistas e público, e cunha idea clara: “Foi duro, mais tamén fermoso.”

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.