Morre o actor Gonzalo Rei Chao, a voz en galego do Mestre Muten Roi en ‘Dragon Ball Z’

Faleceu este martes aos 80 anos: conta cunha ampla traxectoria no teatro, o cinema, a dobraxe e a televisión, onde encarnou a Don Crisanto na serie da TVG 'Padre Casares'
Gonzalo Rei Chao

O actor galego Gonzalo Rei Chao faleceu este martes aos 80 anos, segundo confirmou a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). Nado en 1945, Rei Chao foi un dos rostros máis recoñecibles do audiovisual galego, cunha longa traxectoria no teatro, cinema, televisión e dobraxe, ámbitos aos que dedicou toda a súa vida profesional.

A súa popularidade chegou especialmente da man da televisión, onde encarnou ao Padre Crisanto na serie da Televisión de Galicia ‘Padre Casares’, un personaxe que se converteu nun dos máis queridos da ficción galega. Ademais, foi a voz en galego do Mestre Mutenroi na icónica serie de animación ‘Dragon Ball Z’ (e ‘Dragon Ball Z Kai’), achegando a súa interpretación a varias xeracións de espectadores.

Formado na Escola de Artes Escénicas da Estrada, Rei Chao iniciou a súa carreira da man de Roberto Vidal Bolaño nos anos oitenta. Desde entón participou en numerosas producións televisivas como ‘Mareas Vivas’, ‘Terras de Miranda’, ‘Libro de familia’ ou ‘¿Imos aló?’, onde comezou a traballar a finais desa década.

No ámbito do cinema, deixou a súa pegada en filmes como ‘A vida que che espera’ (2004), ‘Pradolongo’ (2008), onde interpretou a Xervasio, ‘Somos xente honrada’ ou ‘A praia dos afogados’ (2015). Tamén desenvolveu unha intensa labor na dobraxe ao galego, poñendo voz, entre outros, ao mestre de ‘Érase unha vez… o home’ e ao personaxe de Don Gregorio na versión galega de ‘A lingua das bolboretas’, dirixida por José Luis Cuerda a partir da obra de Manuel Rivas. Foi tamén narrador en ‘Os mortos van á présa’.

O actor faleceu en Ourense e atopábase retirado na actualidade. Tanto a Academia Galega do Audiovisual como a AAAG expresaron publicamente o seu pesar polo pasamento, trasladando o seu apoio á familia e amizades. “Que a terra lle sexa leve”, sinalou a asociación profesional, destacando o legado dun intérprete fundamental para a cultura audiovisual galega.

PUBLICIDAD
PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.