Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928–2026), unha das figuras máis destacadas da cultura galega contemporánea, faleceu este xoves na súa cidade natal aos 97 anos de idade. Filólogo, escritor, docente e investigador, foi un referente esencial das letras galegas dos séculos XX e XXI e presidiu a Real Academia Galega (RAG) entre 2013 e 2017.
Licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade Central de Madrid en 1953 e doutor pola Universidade de Salamanca, defendeu en 1966 a tese ‘Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega’, dirixida por José Luis Pensado. A súa traxectoria docente desenvolveuse tanto no ensino medio como no universitario, con destinos en Santiago de Compostela, Palencia e Lugo, antes de incorporarse á universidade. En 1991 obtivo a cátedra de Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela, onde exerceu ata a súa xubilación.
Como investigador, Alonso Montero foi un pioneiro da sociolingüística aplicada ao galego. Coordinou e publicou obras fundamentais como ‘O porvir da lingua galega’ (1968) ou ‘Informe –dramático– sobre la lengua gallega’ (1973), nas que denunciaba a marxinación social da lingua e propoñía medidas para a súa normalización. O estudo da historia literaria e social do galego ocupou tamén unha parte central do seu labor académico, con títulos como ‘Constitución del gallego en lengua literaria’ (1970) ou ‘O galego na escola’ (1979).
O seu compromiso cívico e político, especialmente nas filas do Partido Comunista de España desde 1962, marcou de maneira decisiva a súa obra e custoulle episodios de represión durante a ditadura franquista. Esa militancia influíu nos seus estudos sobre a literatura da II República, a Guerra Civil, o franquismo e o exilio, reflectidos en libros como ‘As palabras no exilio. Biografía intelectual de Luís Seoane’ (1994), ‘Os poetas galegos e Franco’ (1997) ou ‘Dous días na vida de Lorenzo Varela’ (2005).
Ao longo da súa carreira destacou tamén como biógrafo, antólogo e divulgador, dedicando estudos a autores fundamentais como Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Rosalía de Castro, Neira Vilas, Otero Pedrayo ou Federico García Lorca, así como a poetas alófonos en lingua galega e a escritores en castelán, catalán e portugués. A poesía popular de tradición oral, medieval e dos chamados Séculos Escuros foi outro dos seus ámbitos de investigación.
Membro numerario da Real Academia Galega desde 1993, Alonso Montero presidiu a institución entre 2013 e 2017, sucedendo a Xosé Luís Méndez Ferrín. Ademais, foi presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e participou activamente nas fundacións Otero Pedrayo e Rosalía de Castro. Ao longo da súa vida recibiu numerosos recoñecementos que salientaron unha traxectoria marcada pola defensa da lingua, da cultura galega e da memoria democrática.

