O Concello de Pontedeume realizará durante os vindeiros días unha serie de enquisas entre o comercio local para obter datos sobre a situación dos diferentes negocios que realizan a súa actividade comercial no municipio. O concello quere coñecer dunha forma pormenorizada a diversificación existente, os servizos ofertados e o seu grado de afectación pola crise sanitaria da Covid-19.
Unha vez analizados e estudados os datos da enquisa, o concello pretende implementar instrumentos e ferramentas que axuden e impulsen aos empresarios, facilitando á súa adaptación á nova situación e as tendencias futuras.
“É un dos sectores máis perxudicados pola pandemia e desde o concello queremos articular e impulsar medidas de axuda, polo que facemos estas enquisas como auditoria previa para coñecer a situación real”, explica Ángela Piñeiro, concelleira de Comercio.
O Concello de Pontedeume agradece toda a colaboración que se poida brindar por parte deste sector na realización das enquisas. Desde marzo, a corporación local impulsou outras accións e medidas para paliar os efectos da crise sanitaria da covid-19 no tecido comercial, como axudas directas e exencións fiscais.