. A rexedora local, Marián Ferreiro, e o presidente do Club Voleibol Narón Volea, Plácido Vicente Armada, asinaron no Consistorio un convenio de colaboración dirixido á promoción e o fomento da actividade de voleibol e á participación do clube en diferentes campionatos desta modalidade deportiva. O acordo asinado entre ambas partes suporá á administración local un desembolso de 10.000 euros, segundo apuntou Ferreiro.
“Este club local fomentará a práctica de voleibol dende as categorías Benxamín ata Xuvenil, achegando este deporte a todas as persoas que queiran practicalo e, a maiores, conxuntamente co Concello continuaranse organizando eventos vencellados a esta actividade”, indicou a alcaldesa.
O presidente do Club Voleibol Narón Volea agradeceu a colaboración do Concello e, pola súa banda, Ferreiro felicitou ao representante da citada entidade deportiva polo traballo que realizan na cidade a prol do fomento do deporte en xeral e do voleibol en particular, e desexoulles moitos éxitos na actual tempada a todas e todos os integrantes do Narón Volea.