As obras de adaptación da pranta potabilizadora que da servizo ao Concello de Pontedeume están prácticamente rematadas, polo que en decembro entrarán en funcionamento os novos equipos e instalacións.
O Concello de Pontedeume, tras as xestións realizadas no episodio de turbidez das augas do mes pasado, conseguiu que Augas de Galicia habilitase unha partida urxente de 1,5 millóns de euros para combatir a situación, centrando a maior parte do investimento na adaptación da pranta potabilizadora.
Onte, o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández, visitou a pranta coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, para supervisar os traballos. A nova instalación garantizará nas próximas décadas o bo estado da auga en cantidade e calidade.
As obras consistiron na instalación, na estación de tratamento de auga potable municipal, dunha cámara de mestura, previa ao actual tratamento, para optimizar os equipos da planta municipal. Adaptouse ademais a liña do proceso de potabilización e implementouse definitivamente no mesmo un tratamento físico-químico provisto de tecnoloxía de medición e control analítico, que permitirá a súa operación de xeito automático para garantir a calidade da auga tratada.
“Por outra parte, e tras as xestións que realizamos desde o goberno local no 2018, e que deron como froito o compromiso por parte da Consellería de Infrastruturas e Mobilidade da redacción dun proxecto para a renovación do saneamento e a instalación dunha pranta de bombeo en Ber, a Xunta ven de incluir nos orzamentos de 2021 unha partida inicial de 400.000 euros para eses traballos”, explica o alcalde de Pontedeume, Bernardo Fernández.