Vilagarcía convértese esta fin de semana nun gran escenario cultural ao aire libre: música clásica, humor galego, rock alternativo e tradición de banda conflúen nunha programación que reúne nomes propios do panorama estatal e talento da casa.
Música, humor e moita tradición
O Auditorio abrirá a fin de semana o venres coa chegada de James Rhodes, un artista capaz de transformar un concerto de piano nunha experiencia íntima e emocionante. O músico británico mesturará interpretación e conversa co público nun espectáculo onde Bach, Chopin ou Beethoven dialogarán coas historias que agochan as súas composicións.

O sábado será a quenda da retranca. Carlos Blanco regresa á súa vila cun dobre pase de “A penúltima”, unha proposta cargada de humor, memoria e anécdotas co selo inconfundible dun dos grandes referentes da comedia galega.
«Achegate ao Salón!», a proposta cultural do ano
Xa o domingo, o ciclo “Achégate ao Salón!” apostará polos sons máis alternativos coa presenza de Repion. As irmás Teresa e Mariña Iñesta levarán ao Salón García a enerxía do seu grunge-pop e do seu último traballo discográfico, “201”. A programación pecharase na Praza da Peixería co tradicional Concerto de Primavera da Banda de Música de Vilagarcía, acompañada nesta ocasión pola solista Mariña Nogueira.
O ciclo de concertos comezou o pasado 8 de febreiro con Merino, o grupo formado por Sandra Merino e Álex Gallego que, dende os seus comezos en 2019, conseguiron encher salas e festivais grazas á súa presenza no escenario.

O broche final poñerano o 26 de abril Gala i Ovidio, o proxecto máis alternativo de Aída Tarrío, integrante de Tanxugueiras, xunto ao produtor Raül Refree. Ambos, que se definen como “almas xemelgas”, toman o nome dos fillos xemelgos de Rosalía de Castro para dar forma a unha proposta sonora singular e arriscada. O dúo chega con Un final que parece un principio, un traballo creado a catro mans no que conviven a electrónica e a lírica pop, a experimentación e a delicadeza, sobre unha instrumentación intensa e pouco convencional.
Unha fin de semana -e un trimestre- noque Vilagarcía reafirma a súa aposta pola cultura en directo e por unha oferta capaz de atraer públicos de todas as idades.
