A Sección de Igualdade e Dereitos Civís da Deputación da Coruña celebrou o pasado 6 de xuño a quinta edición do Congreso Memoria Diversa, unha cita xa consolidada e convertida nun referente para a recuperación e dignificación da historia do colectivo LGBTIQA+ en Galicia.
Nesta edición, o encontro puxo o foco no papel da Igrexa como institución clave na construción histórica das normas sociais sobre o corpo, o sexo e o xénero. A través de diferentes perspectivas históricas, activistas, culturais e divulgativas, o programa analizou os mecanismos de control e represión exercidos durante a Ditadura e a Transición, así como as estratexias de resistencia desenvolvidas fronte á diversidade sexual e de xénero.
No marco do congreso, conversamos con Sol Agra, deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, sobre as políticas públicas de diversidade, a memoria histórica do colectivo LGBTIQA+ e os retos actuais na defensa dos dereitos conquistados.
—O Congreso Memoria Diversa forma parte dun programa máis amplo impulsado pola Deputación. En que consiste a campaña “Ser e Sentir” e como se desenvolve ao longo do ano?
—Desde a Área de Igualdade da Deputación da Coruña levamos moitos anos desenvolvendo unha campaña arredor do Día do Orgullo que chamamos Ser e Sentir, e que achega recursos a todos os concellos. Como sabedes, a Deputación está para apoiar especialmente os municipios máis pequenos, facilitándolles ferramentas e programacións que moitas veces só poden asumir os concellos grandes.
A través dunha páxina web específica poñemos a disposición dos concellos, entidades e centros educativos materiais e recursos para traballar estas cuestións. Ademais, enviamos propostas de actividades. Cada ano centramos a campaña en temáticas diferentes e este ano, a través do congreso que celebramos dentro dela, abordamos como impactou o control da Igrexa nas represións durante a ditadura e a transición. Tamén ofrecemos obras de teatro, charlas e outras actividades para achegar estes contidos á veciñanza.

—Durante a inauguración falou da importancia de que as institucións se posicionen na defensa dos dereitos. Que papel deben desempeñar as administracións neste ámbito?
—Penso que é imposible non ter ideoloxía, aínda que moitas veces se fale de neutralidade ideolóxica. Esa suposta neutralidade implica, en moitas ocasións, non posicionarse realmente ante causas xustas. Non existe a equidistancia: ou estás defendendo os dereitos ou te mantés á marxe e contribúes a invisibilizar situacións profundamente inxustas.
Desde a Deputación temos claro que debemos estar sempre do lado dos dereitos de toda a poboación. Os dereitos do colectivo LGTBI están especialmente ameazados neste momento e, fronte a discursos e correntes ideolóxicas que cuestionan eses avances, debemos traballar para visibilizar que a xustiza social pasa por garantir a liberdade de ser, sentir e amar a quen cada persoa queira. O noso obxectivo é chegar a todos os recunchos da provincia para que todo o mundo poida vivir en liberdade e con igualdade de dereitos.
—Nas xornadas tamén se falou de como dereitos que parecían consolidados poden retroceder. Existe ese risco na actualidade?
—Sen dúbida. É incrible que dereitos que custaron décadas de loita e mesmo a vida de moitas persoas hoxe se dean por garantidos. Moitas veces escoitamos que xa está todo conseguido, pero a realidade demostra que non é así.
En distintos países estanse aprobando leis que recortan dereitos do colectivo LGTBI e aquí vemos como aumentan os discursos de odio e continúan producíndose agresións. Na Coruña tivemos o terrible exemplo do asasinato dun mozo por ser homosexual. Os dereitos son moi difíciles de conquistar, pero poden perderse con moita rapidez. Por iso non podemos baixar a garda e debemos seguir defendendo que todas as persoas poidan vivir con tranquilidade, liberdade e seguridade.
—Un dos temas centrais deste V Congreso Memoria Diversa é o papel da Igrexa. Por que consideraban importante abordalo?
—Porque a Igrexa católica tivo un papel fundamental na construción de determinadas concepcións sobre a sexualidade, o xénero e o control social dos corpos, especialmente os das mulleres e das persoas disidentes. Aínda que vivimos nun Estado que se considera laico, o peso desa tradición segue moi presente.
Moitas ideas relacionadas coa culpa, a moral ou determinadas formas de entender a sexualidade foron transmitíndose de xeración en xeración e foron tamén piares importantes do franquismo. Queremos analizar como funcionou ese control, como afectou ás mulleres e ao colectivo LGTBI e de que maneira algunhas destas dinámicas continúan tendo influencia na nosa sociedade actual.
—Tamén se puxo o foco na memoria das mulleres lesbianas e doutras realidades historicamente invisibilizadas. Por que é importante recuperar esas historias?
—Porque moitas veces esas experiencias quedaron ocultas. No caso das mulleres lesbianas, por exemplo, existía unha aparente maior tolerancia social, pero en realidade o que ocorría era unha invisibilización constante das súas relacións e da súa propia existencia.
Ademais, é fundamental lembrar a quen loitou para conseguir os dereitos dos que gozamos hoxe. Nestas xornadas participan colectivos actuais, pero tamén persoas que protagonizaron esas loitas. Pensemos en avances como o matrimonio igualitario, que permitiu a moitas parellas formalizar relacións que durante anos non foron recoñecidas pola lei. Coñecer esa historia é esencial para valorar o conseguido e seguir avanzando.
—Máis alá desta campaña concreta, que outras liñas de traballo desenvolve a Deputación da Coruña en materia de igualdade, dereitos civís e memoria?
—Desde as áreas de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís traballamos cunha visión moi transversal. Consideramos que a igualdade, os dereitos do colectivo LGTBI e os dereitos lingüísticos deben estar presentes en toda a acción pública.
Desenvolvemos campañas vinculadas ao 8 de marzo ou ao 25 de novembro, pero o noso traballo non se limita a datas concretas. Durante todo o ano proporcionamos recursos a concellos, asociacións e centros educativos para traballar cuestións relacionadas coa sensibilización, a visibilización e a xustiza social.
Ademais, desde Dereitos Civís colaboramos con asociacións memorialistas na recuperación de memorias historicamente invisibilizadas, participamos en proxectos de exhumación de fosas e apoiamos iniciativas de recuperación da memoria democrática. En definitiva, traballamos para construír unha sociedade máis igualitaria, democrática e feminista, onde todas as persoas teñan os mesmos dereitos independentemente do seu sexo, xénero, orientación ou diversidade.
