O tecido asociativo da comarca toma Pontedeume na súa primeira feira de entidades

A primeira edición da Feira de Entidades da Comarca achegará asociacións, obradoiros, música e exposicións para dar visibilidade ao tecido asociativo da zona
La alameda de Raxoi | Concello de Pontedeume
La alameda de Raxoi | Concello de Pontedeume

Pontedeume converterase este sábado 23 de maio nun gran punto de encontro do tecido asociativo comarcal coa celebración da primeira edición da Feira de Entidades da Comarca. A iniciativa reunirá arredor de 20 asociacións de distintos ámbitos nos xardíns da Alameda de Raxoi e na Casa da Cultura, cun programa que combina actividades divulgativas, lúdicas e culturais ao longo de toda a xornada.

O obxectivo da feira é dar a coñecer o traballo que desenvolven estas entidades nos ámbitos social, ambiental, cultural e veciñal, ao tempo que se promove o intercambio entre colectivos e a participación cidadá.

Unha mostra do amplo tecido asociativo da comarca

Entre as entidades participantes atópanse asociacións ambientais, culturais, veciñais e sociais de distintos puntos da contorna, como Euroeume, a Rede Galega de Sementes, Saúde Mental Ferrol, Eume e Ortegal, ou o Grupo Naturalista Hábitat, entre outras moitas.

A diversidade de colectivos presentes permitirá ofrecer unha visión ampla do traballo asociativo que se desenvolve na comarca, desde a conservación do patrimonio natural ata proxectos de inclusión social, pasando por iniciativas culturais e educativas.

Obradoiros, xogos e actividades para todos os públicos

A programación arrancará pola mañá cunha proposta variada de actividades abertas ao público. Haberá obradoiros creativos e participativos, como a elaboración de mecos ou a creación de chapas e adhesivos, pensados especialmente para o público infantil e familiar.

Un dos momentos centrais será a presentación da Rede Galega de Sementes e do proxecto comarcal de loita contra a avespa velutina, dúas iniciativas centradas na protección ambiental e na sensibilización sobre a biodiversidade.

Cartaz promocional da I Feira de Entidades da Comarca | Concello de Pontedeume

Tamén se celebrará unha xincana infantil baixo o título A procura do Tesouro, na que os máis pequenos deberán superar probas e responder preguntas distribuídas nun mapa para optar a diferentes premios, mentres que o público adulto poderá participar nun sorteo solidario mediante rifas.

A feira contará ademais con actuacións musicais ao longo da mañá, entre as que destaca a presenza das Cantareiras do Piñeiro, que actuarán no palco dos xardíns da Alameda. A programación complétase cunha exposición artística na Casa da Cultura, que poderá visitarse durante toda a mañá e que contará coa participación de varios creadores. A mostra busca achegar a arte contemporánea ao público e fomentar tamén a interacción directa cos artistas.

Un espazo para fortalecer a comunidade

Desde a organización destacan que esta primeira edición nace coa vontade de consolidarse como unha cita anual que poña en valor o papel das asociacións na vida social da comarca, creando un espazo común de encontro, aprendizaxe e colaboración.

A feira tamén contará con interpretación en lingua de signos para facilitar o acceso a todas as actividades, reforzando así o seu carácter inclusivo. Con esta iniciativa, Pontedeume aspira a converter a Alameda nun punto de encontro aberto á cidadanía, onde o asociacionismo e a participación se convertan nos grandes protagonistas da xornada.

PUBLICIDAD
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.