No 2020 a COVID -19 o invadiu todo; a pandemia levouse por diante ilusións, traballos, fogares e vidas. E o fixo ao grande, non de forma segmentada, non en certos países, senón a escala mundial, e claro, tocounos a todas e a todos.
Isto recordoume ao que escribían grandes literatos como Unamuno, Quevedo e Manrique sobre o concepto de “morte igualadora”, un dos tópicos literarios con máis significado, que versa sobre que a morte chega a todas as persoas, con independencia do xénero, da etnia, da clase social e da riqueza. E isto foi o que sucedeu co coronavirus, que por tan inesperado, non deixou marxe para que algunhas e algúns se aferraran á táboa salvavidas.
En realidade a COVID axudounos a reflexionar sobre que, a pesar de que en Occidente teñamos o mundo máis tecnolóxico, máis analítico, máis sofisticado…ante a diversidade da natureza somos profundamente vulnerables.
1ª lección aprendida: Non somos todopoderosos. Algo tan insignificante coma un virus pode con nós.
Tamén puidemos comprobar que todo iso que antes parecía sobrar, o de ir a comer os domingos á casa da sogra, o de que a veciña nos preguntara todos os días que tal no ascensor, o de ir a visitar en vacacións aos avós, todo iso que ás veces nos custaba realizar, agora danos unha tremenda morriña.
2ª lección aprendida: Somos seres sociais. Subsistimos gracias á proximidade e calor das demais persoas.
E por último, démonos conta de que as cousas que realmente merecen a pena non son as que se ven, as que se publican na ficción das redes, senón aquelas que permanecían invisibles; aquelas que son cotiás, pequenas, pero que fan que todo sexa grande, a pesar dos inconvenientes. Que é máis satisfactorio unha lectura sosegada, un brinde a media luz, un cocido a lume lento, un bico na fronte, dúas mans entrelazadas, unha gargallada a esgalla, ou unha conversa ata o amencer.
3ª lección aprendida: Hai cousas urxentes e cousas importantes, as segundas son as que dan sentido á vida.
E todo iso aprendémolo unicamente nuns meses, algo que fala moi a favor da intelixencia humana. Polo que neste 2021 sigamos facendo honra á nosa etiqueta de Homo Sapiens; respectemos as normas que coidan de ti e coidan das e dos demais, que fan que os hospitais non se ateiguen de pacientes, que conseguen que os colexios sexan lugares de aprendizaxe, de formación e de conciliación, que fan que as rúas e as prazas dos pobos permanezan como espazos seguros agora, para poder encherse no futuro, un futuro que non será senón temos prudencia no presente.
4º lección a aprender: Sexamos intelixentes para non ser invisibles.