O Concello de San Sadurniño deu por finalizadas as obras de mellora da accesibilidade e de consolidación da fortaleza, cun investimento próximo aos 170.000 euros cofinanciados pola Deputación da Coruña e o polo propio Concelo. Os traballos consistiron na mellora da accesibilidade e da seguridade do seu entorno, onde se adecentaron sendeiros, instaláronse varandas disuasorias e armouse unha estrutura interior que permite subir ao curuto da torre e admirar desde alí vista panorámica do Saíme e parte do val do Castro.
«É unha continuación das obras iniciadas en 2008. Faltaba facer visitable o castelo sen riscos, ademais de poñelo en valor con estes traballos», comentaba o alcalde Secundino García na visita realizada onte á fortaleza xunto con membros da Deputación. Pola súa banda, o arquitecto encargado do proxecto remarco que «o criterio principal foi consolidar a ruína e facer visitable un castelo moi singular, intacto na súa morfoloxía a pesar dos espolios, posto que nunca foi modificado ao longo do tempo como foron outros. Este quedou abandonado durante moitos anos e agora estamos atopando solucións construtivas sobre como se traballaba na época medieval»
Unha vez finalizada esta terceira fase de actuacións no castelo, cómpre saber cal vai ser o seguinte paso en canto á súa posta en valor como recurso turístico. O vicepresidente provincial e responsable de Turismo, Xosé Regueira, referiuse ao castelo como «un enclave impresionante» que merece que se siga traballando nel. «Empezaremos a falar Concello e Deputación sobre que podemos achegar para avanzar nun mellor coñecemento da fortaleza e que sexa un recurso turístico e que estea a disposición das persoas con toda a seguridade posible«.
Entre os posibles proxectos que se poderían levar a cabo en relación coa fortaleza estaría «unha recreación virtual» de como era no pasado a edificación. «Este é un sitio onde podemos poñer en marcha un proxecto piloto destas características para afondar nun maior coñecemento da historia desta fortaleza, que ten un potencial iconográfico digno de valorar e de traballar nel».
Regueira vinculou tamén o castelo co proxecto do Xeoparque do Cabo Ortegal. Naraío encóntrase no extremo suroccidental do territorio que aspira a este distintivo da UNESCO e, en palabras do vicepresidente da Deputación, «tanto esta fortaleza como o castelo de Moeche son espazos de relevancia que teñen que xogar un papel importante nas diferentes rutas e produtos turísticos que se teñen que traballar no ámbito do xeoparque». Secundino García tamén adiantou que «hai sitios do castelo que se poden recuperar para facer unha interpretación, para saber como era con pequenas reconstrucións».