A conselleira de Política Social, Fabiola García, visitou onte o centro sociocomunitario de Ares onde destacou o papel dinamizador das súas instalacións para as veciñas e veciños da zona. Neste sentido, sinalou que a súa ampla oferta de actividades permiten que os seus usuarios desfruten dun ritmo de vida activo e converten este espazo no epicentro de ocio dos seus municipios.
A conselleira tamén visitou o Concello de Valdoviño e mantivo un encontro co alcalde. Fabiola García afirmou que o Goberno galego ten como obxectivo ofrecer os servizos de maior calidade ao maior número de persoas posibles. “Era unha visita que tiña pendente” asegurou a conselleira nada máis entrar no salón de plenos da casa consistorial de Valdoviño.
Alí se desenvolveu parte da xuntanza que mantivo co alcalde, Alberto González, e máis outros concelleiros e concelleiras da corporación. Con eles, o equipo de arquitectos do estudo Antha e o arquitecto municipal. Foron estes os encargados de explicar o proxecto do primeiro centro sociocomunitario do municipio. Unha intervención que encara a recta final das obras da primeira e segunda fase.
Traballos orzamentados en máis de 290.000 euros, dos que a Consellería de Política Social aporta 150.000 euros vía convenio. Posteriormente, a conselleira puido comprobar a evolución da execución do centro sobre o terreo. Nesta liña, Fabiola García e Alberto González destacaron que o edificio marcará un punto de inflexión nas políticas sociais da administración local. Un espazo de encontro e actividade interxeneracional, que poderá albergar tamén actividades de formación.
Discussion about this post