A comarca do Eume está unida desde hai uns meses cun obxectivo claro: evitar o peche da central térmica de As Pontes. A forza desa unidade e dos veciños e veciñas dos cinco concellos, reflictida en cada unha das concentracións e mobilizacións, é fundamental na loita por unha transición enerxética xusta e polo emprego no sector industrial.
O pasado luns 9 de decembro, nunha reunión celebrada en Madrid, Endesa comprometeuse a unha nova evaluación dos resultados económicos e medioambientais de substituir parte do carbón utilizado na central por biomasa, lodos e outros biocombustibles.
Nesa reunión participaron a ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera; o alcalde de As Pontes, Valentín González Formoso; o presidente e o conselleiro delegado de Endesa, Juan Sánchez Calero e José Bogas; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Industria, Francisco Conde.
Tras o encontro, González Formoso, indicou que o novo escenario “xera un pouco máis de optimismo”.
“Fomos capaces de reverter a posición de Endesa de peche sen máis, baseándose nunhas conclusións de inviabilidade técnica e económica que cremos que merecen ser reconsideradas con maior profundidade”
“Pola transcendencia deste complexo, a decisión do peche merece unha consideración máis profunda, para ter máis certeza respecto a decisións futuras que haxa que tomar”, afirmou.
A esixencia de manter esta reunión en Madrid derivaba dos últimos anuncios de Endesa con relación á central das Pontes e das informacións publicadas nos medios de comunicación a finais do mes de novembro sobre a viabilidade das probas realizadas na planta con biocombustibles.
Reacción
O 27 de novembro, o Grupo de traballo local por unha transición xusta esixiu coñecer oficialmente os resultados das probas de hibridación do combustible na térmica.
Unhas probas, que tal e como recordou o alcalde, consistían en intentar minimizar a presenza de CO2 na combustión das caldeiras para poder facer máis competitiva a central térmica das Pontes e entrar no mercado coa intención de asegurar unha transición xusta que afectara o menos posible a todos os colectivos afectados, tanto aos traballadores da empresa principal, como das compañías auxiliares e aos transportistas do carbón, ademais doutros sectores.
As probas van dirixidas a substituir parte do carbón que utiliza a central térmica por biomasa ou lodos
Valentín González Formoso rexeitou de forma rotunda “as formas dunha empresa que leva operando desde os anos 70 nesta vila e que trouxo moito progreso, pero que leva ingresado máis de 5.000 millóns de euros durante a súa presenza nas Pontes coa central; os veciños e veciñas non merecen esta falta de respecto por parte de Endesa non esperando a convocar a mesa de traballo, na que se acordaron a realización destas probas, para manifestar os primeiros resultados das mesmas”.
Relacionado: Solicitude á UE para que Galicia entre no fondo de descarbonización europeo
Discussion about this post