Moitos medios de comunicación están a debater nas últimas semanas sobre a violencia de xénero ao fío dun caso dunha famosa do panorama rosa.
Pois ben, como persoa con formación neste ámbito quédome ás veces abraiada do arbitrarias e atrevidas que son algunhas opinións. É por isto que intentarei aportar algo de luz para quen queira ler non unha opinión, senón unha realidade.
A violencia de xénero non entende de clase social, de etnia e nin sequera de carácter. Por iso hai mulleres maltratadas ás que lle sobran billetes de 500 euros, mulleres brancas, negras ou asiáticas, ou mulleres que aparentemente son de forte personalidade.
Ás persoas que culpabilizan ás propias mulleres de soportar tales circunstancias, direilles que estas mulleres sofren moito antes que o maltrato físico un maltrato psicolóxico moi potente, no que a súa autoestima está basicamente no subsolo, que en numerosas ocasións encóntranse illadas e que moi a miúdo sofren a síndrome de indefensión aprendida, na que aprenden a sentirse indefensas, e na que non son capaces de tomar decisións por elas mesmas.
Neste tipo de violencia ocorre algo paragóxico pero que é moi necesario comprender, e é que nestas relacións existe un enganche, que o home maltratador se encarga moi coidadosamente de manter vivo. O propio ciclo da violencia de xénero fai que sexa así, tras unha fase de acumulación da tensión ocorre un episodio explosivo, mais detrás deste ven a fase de lúa de mel, na que hai desculpas e escusas, e tamén mimos, regalos, choros e frases de “non vai volver ocorrer”. E como esta violencia é tan sutil, dáse tan pouco a pouco, cando chega a violencia de máis intensidade as mulleres toman como verdade as palabras de arrepentimento. E así o ciclo repítese unha e outra vez.
Ti que estás a ler este artigo, de seguro non beberías unha botella de lixivia dunha sentada, porque daríaste conta de que é tóxica, e que por elo, podería facerche dano. Pero que sucedería se todos os días sen darte conta beberas un grolo de lixivia? Pois que apenas advertirías a súa toxicidade; sen embargo, un día percibirías que estás intoxicada.
E ese día, ese día de plena consciencia, agardo que todas as mulleres poidades contar co apoio das e dos que tedes preto, porque ao mellor soas non podedes, pero coa axuda das demais persoas sáese dese buraco.
Como sociedade temos a responsabilidade de dar a man, de non xulgar e de escoitar coas orellas ben abertas. Hoxe é unha famosa, pero mañá pode ser a túa neta, a túa filla, a túa nai ou ti mesma.
O apoio social pode salvar vidas, tamén en tempos de pandemia.