A Deputación e o Concello de Cedeira investirán 100.000 euros nas obras de construción da nova rede de saneamento que dará servizo ao núcleo de As Pontigas e beneficiará a 120 veciños e veciñas da zona.
As obras, que veñen de saír a licitación pública, serán cofinanciadas nun 75% a través do Plan Único da Deputación, que achega 75.383 euros, en un 25% polo Concello de Cedeira, con 24.616 euros de fondos propios.
Os traballos implantarán un sistema de saneamento autónomo, sen consumo de enerxía de ningún tipo e cun mantemento moi reducido no lugar de As Pontigas, na saída do núcleo urbán cedeirés cara San André de Teixido.
O saneamento pretende mellorar a calidade ambiental do municipio ao evitar residuos ou reboses accidentais das fosas sépticas individuais coas que contan os veciños na actualidade, recollendo todas as augas residuais a través dun único colector que rematará nunha balsa de depuración.
O colector discorerrá dende a parte alta do lugar de As Pontigas ata unha parcela próxima ao rego homónimo, onde se construirá o sistema de depuración. A traza do colector terá 800 metros de lonxitude e contará ao longo do seu percorrido con 21 pozos de rexistro, rematando nunha balsa de fitodepuración que completará o proceso depurativo.