A Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol quere poñer en marcha a finais de este ano un novo Programa Integrado de Emprego para o cal solicitou á Xunta de Galicia unha subvención que permita sacalo adiante.
O importe ascende a 225.000 euros, que servirán para financiar o 90 % deste proxecto, destinado a mulleres sen traballo inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia. As prazas distribuiranse entre desempregadas con discapacidade (5), en risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da risga (8), vítimas de violencia de xénero (7), menores de 30 anos con baixa cualificación (20), menores de 30 anos cualificadas (21), maiores de 45 (11), perceptoras de prestacións, subsidios por desemprego ou renda activa de inserción (25) e inmigrantes (3).
As accións desenvolveranse en oito concellos. No caso de Ares, ao que lle corresponden 7 prazas, será na Casa de Xuventude; en Cabanas (4), no edificio da Escola Laica; en Cedeira (7), No centro Sociocultural; en Fene (15), na Nave de Formación; en Mugardos (6), no Centro de Formación Francisco Vizoso; en Narón (47), no Centro de formación irmás Froilaz; en Neda (6), na Casa da Cultura, e en Valdoviño (8), na Casa do Concello. Como obxectivo de inserción laboral márcase unha taxa mínima do 35 %.