En maio de 1799, á espera de marchar cara a maior exploración científica da historia, Alexander von Humboldt, xeógrafo, astrónomo, humanista, naturalista, explorador, pioneiro do pensamento ecolóxico e o primeiro en escribir sobre o cambio climático, en fin, un dos máis grandes científicos de tódolos tempos, aproveitou para corrixir a posición de Ferrol no mapa tomando a súa referencia correcta con respecto a París.
Alexander von Humboldt naceu en Berlín o 14 de setembro de 1769, no seo dunha familia de nobre liñaxe. O seu pai era Alexander Georg von Humboldt, tesoureiro real, e a súa nai, Marie Elisabeth von Holwede, viúva baronesa de Holwede. Os seus pais contrataron ao escritor, lingüista e educador Joachim Heinrich Campe para que se encargara da educación do pequeno Alexander e o seu irmán maior Wilhelm. Os medios económicos da súa familia permitiron a Alexander estudar filosofía e ciencias naturais na Universidade Europea Viadrina en Frankfurt do Óder, botánica en Berlín, mineraloxía na Universidade de Gotinga, xeoloxía, mineraloxía e minería na Universidade de Freiberg, así como galvanismo, anatomía e antropoloxía.
En 1797 trasladouse a París, onde coñeceu a importantes científicos da época como o naturalista Georges Cuvier, o botánico Antoine Laurent de Jussieu, o explorador Nicolas Baudin ou o médico e botánico Aimé Bonpland, que xunto con Louis Antoine de Bougainville estaban a preparar unha viaxe de investigación ao redor do mundo á que convidaron a Humboldt. A pesares de que os preparativos xa estaban feitos e de que Humboldt xa tiña preparado o material e equipamento científico para a viaxe, o estado de continua guerra en Europa anulou o mesmo. Alexander non se desanimou e viaxou con Bonpland de París a Marsella coa intención de unirse á campaña napoleónica en Exipto e Siria, pero as autoridades francesas denegáronlle o permiso para unirse á expedición.
Humboldt era teimudo, e a súa idea de realizar unha gran viaxe, que o acompañaba dende pequeno, seguía na sua cabeza. Así que dende Marsella cruzou a fronteira con España, percorrendo a costa mediterránea pasando por Barcelona, Valencia ou Alacante, co obxecto de cruzar o estreito cara África. Pero unha vez en España, Humboldt recoñeceu o efecto das ideas da Ilustración no reinado de Carlos III e o seu herdeiro Carlos IV, que autorizaran e financiaran a Expedición Botánica ao Virreinato do Perú, baixo o liderado de Hipólito Ruiz López en 1777, a Expedición Botánica do Novo Reino de Granada de José Celestino Mutis en 1783, a Real Expedición Botánica a Nova España de Martín de Sessé de 1787 ou a Expedición Malaspina de 1789.

Así, Humboldt e Bonpland, cambiaron de novo o seu obxectivo e dirixíronse á Corte española en Madrid, onde en marzo de 1799 conseguiron unha licenza do rei Carlos IV para percorrer os territorios españois en América, outorgándolle dous salvocondutos que lle permitían “todas as operacións que considerasen oportunas para o progreso da ciencia, en todas as posesións españolas” de ultramar, coa única condición do enriquecemento dos fondos dos establecementos científicos do Reino.
Humboldt tiña pensado embarcar cara a América en Cádiz, pero a guerra anglo-española comezada en 1796 facía que os navíos británicos bloqueasen o porto andaluz, o único xunto ao da Coruña dende o que se podía embarcar ao Novo Mundo. A mediados de maio Humboldt e Bonpland deixaron Madrid rumbo á Coruña, atravesando o Guadarrama, Castela e León, antes de entrar en terras galegas por Vilafranca do Bierzo e percorrer Nogueira, Lugo, Baamonde, Guitiriz e Betanzos ata chegar á cidade herculina o 25 de maio, lugares que lle lembraron ao científico prusiano “os lugares máis pintorescos de Suíza e o Tirol”.
Á súa chegada foron recibidos polo brigadier da Armada Rafael Clavijo e Socas, inspector xeral de Postas e director dos correos marítimos, que converteran o porto da Coruña nun dos máis importantes de España. Promulgados en 1764, a misión dos correos marítimos era transportar a correspondencia dende a metrópole de maneira mensual cara á Habana dende o porto galego. En 1767 abríronse novas liñas con destino a Montevideo e Buenos Aires, primeiro trimestralmente e dende 1771 de maneira bimensual. O transporte da correspondecia, ademais de mercadorías e persoas, realizábase mediante os chamados paquebotes (do inglés packet boats), precursores dos transatlánticos dos séculos XIX e XX.
Foi o propio Rafael Clavijo quen propuxo a Humboldt e Bonpland embarcar no Pizarro, un paquebote de 115 toneladas tripulado por 14 homes e equipado con dous canóns de dúas libras, encargado de levar a correspondencia de xuño á Habana e México. A pesar de non ter fama de bo veleiro, o Pizarro esquivara aos navíos ingleses que bloqueaban o tráfico marítimo coas colonias na súa última viaxe entre o Río da Prata e A Coruña. Este bloqueo obrigou aos científicos a permanecer na cidade herculina dez días nos que se aloxaron na fonda e café O león de ouro, tempo que aproveitaron para realizar diferentes experimentos nos arredores.
A primeira, corrixir a posición de Ferrol no mapa. Humboldt sospeitaba que había un erro na posición da cidade departamental no Atlas Marítimo de Tofiño dunhas dúas ou tres leguas mariñas. Para iso, o 26 de maio, utilizando o cronómetro mariño de Ferdinand Berthoud número 27 e medindo a altura do sol, tomou a hora do mediodía da Coruña, modificándoa co erro do cronómetro e calculando a diferenza co mediodía de París, establecendo unha lonxitude para Ferrol de 42 minutos e 21 segundos ao oeste da capital francesa.
Naquela época Ferrol era o maior centro científico e industrial do norte de España. Humboldt aproveitou para visitalo o día 29 de maio, acompañado do tenente de fragata Manuel Díaz de Herrera, quedando impresionado pola súa ría, deixando escrito que “non existe en toda Europa tan extraordinario ancoradoiro en razón da súa avanzada posición no interior das terras”. Mesmo se atreveu a escribir sobre a orixe da ría, teorizando que fora aberta pola forza das ondas ou polas sacudidas de terremotos.
O prusiano aproveitou a visita a Ferrol para medir as diferenzas de temperatura da auga mediante unha sonda termométrica preto do Seixo Branco. Estas medicións, que pretendían establecer unha relación entre a temperatura do mar e a profundidade, levaron anos despois a Humboldt a descubrir en América a corrente fría que hoxe leva o seu nome.
Humboldt e Bonpland dedicaron tamén o seu tempo á recolección e estudo de algas e moluscos, e a visitar a Torre de Hércules, recentemente restaurada por Eustaquio Giannini. Escritor compulsivo, Humboldt revisou e finalizou na Coruña as máis de corenta cartas que escribira desde a súa partida de Madrid, así como os datos de altitude que tomara durante a súa viaxe dende Alacante, revelando por primeira vez a existencia dunha meseta central na península.
Unha forte tormenta afastou aos buques británicos da costa, desbloqueando o porto e permitindo a saída do Pizarro o día 5 de xuño. A prema na partida foi tal que Humboldt deixou sen pagar os 100 pesos que debía ao patrón da fonda. Ás dúas da tarde o Pizarro izou veas ao mando do capitán Cajigal. O mal tempo complicou a saída do paquebote, non pasando por diante da Torre de Hércules ata pasadas as seis da tarde e deixando as illas Sisargas atrás ás nove da noite.

Deste xeito arrincaba unha das viaxes de exploración científica máis importantes da historia, que tras unha primeira parada nas illas Canarias permitiu a Alexander von Humboldt visitar os territorios dos actuais estados de Venezuela, Cuba, Colombia, Ecuador, Perú, México e parte de Estados Unidos, onde durante cinco anos el e Bonpland levaron a cabo numerosas investigacións e realizaron grandes descubrimentos, recolleron e identificaron plantas, observaron constelacións, mediron altitudes e o magnetismo terrestre, cartografiaron lugares descoñecidos, estudaron a xeoloxía, etc. Ao seu retorno a París en 1804, Humboldt recompilou e publicou o material recolleito na súa expedición en trinta volumes que levan por título Viaxe ás rexións equinocciales do Novo Continente.
Juan A Oliveira é Enxeñeiro Técnico Naval pola UDC e MBA pola UNIR. Apaixonado polos barcos, dende 2013 edita e coordina o blog de temática naval vadebarcos.net.