En precario

pexels-photo-2088614

Coméntanme que o traballo nunca estivo tan mal remunerado, que cada vez as esixencias do mercado laboral son maiores para os traballadores e para as traballadoras, especialmente para estas últimas. E cada vez máis formación, máis habilidades, máis pluriactividade para postos cuxas condicións deixan bastante que desexar.

Pero recordo que isto mesmo sucedía fai un tempo, alá pola crise do 2008, na que as taxas de desemprego eran tan elevadas que non era nada estraño ver que persoas con dúas carreiras, un máster e anos de experiencia tiñan que conformarse cun traballo pouco cualificado e cun mísero salario.

Pero a precariedade laboral non é un asunto unicamente dos anos 2000,  porque na década dos 90, por exemplo, tamén houbo diferentes crises sociais e financeiras que repercutiron na baixa calidade dos empregos…

Todo parece indicar, polo tanto, que o tema da precariedade ten un carácter estrutural. En xeral, existe como eiva na base da nosa sociedade, e en particular é unha materia pendente de todas as políticas de emprego, con independencia do sino político que viva na Moncloa.

O certo é que isto que acabo de reflexionar ata o de agora é pensar a nivel macro, e non me compete a min poñerlle remedio. Pero si que nos compete a todas e a todos como cidadáns poñelo enriba da mesa, inserilo na axenda social e política como un asunto de enorme transcendencia para que as persoas que teñen poder, e están no poder, busquen e encontren a maneira.

Porque a min me importa que a parella que traballa de sol a sol para pagar a hipoteca non teña que tomar tranquilizantes para levantarse cada mañá. Impórtame tamén que a nai que ten que sacar adiante aos seus dous fillos non teña que ter 4 traballos (coas correspondentes 4 hernias de disco) para poder obter un soldo decente.

Por suposto, impórtame que o rapaz de 25 anos que se quere independizar poda facelo para que encontre a motivación e lle poña ganas á vida. E como non, impórtame que a aqueles e aquelas ás que lle quedan dous suspiros para xubilarse, podan facelo sen sentir unha aguda soidade.

Porque a calidade do emprego, non só ten repercusión na economía global, nin no peto de cada unha e de cada un. Repercute tamén na saúde das persoas, na física e na mental. Pero claro, esquecíaseme que sobre isto aínda estamos a anos luz.

O certo é que en precario, o corpo treme e a mente chora. Visibilicemos esta realidade, poñámola na axenda pública e fagámolo mirar!

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.