As rúas do odio

maricon-pintada-pared-LGTBfobia-homofobia-LGTB-Sarah-Abilleira-300x240_auto_x2_auto_x2

Xa están as nubes chorando…Levántome coa nova de que Samuel foi asasinado na noite do pasado sábado na Coruña. Unha malleira mortal que acaba coa vida dunha persoa con miles de plans e experiencias por transitar. As rúas da cidade herculina tinguidas de sangue e de odio. Odio por ser diferente, por querer diferente, por vestir diferente…

Penso en que momento os demais son quen de validar o que outras persoas son ou os seus sentimentos e praceres? Que a cuestión non é aceptar nin tolerar, a cuestión é respectar a liberdade individual. Porque a liberdade non se basea en poder tomar unha caña nun bar despois do traballo, a liberdade é que ninguén che derrame a cervexa cando te encontras nun bar.

E todo isto dáme por pensar cando se converteron as rúas en escenarios do odio?, en teatros onde alguén utiliza ao seu antollo a quen considera máis débil a modo de monicreque?

E penso tamén, canto nos custa a impunidade? Canto custa mirar para outro lado, non intervir, deixar á súa sorte a alguén porque eu só pasaba por alí? Quen pode resarcir a esa familia esnaquizada, ou as esas amizades que por anos terán unha enorme ferida na súa alma?

Penso en todas estas cousas que se atopan enredadas como un novelo de lá na miña cabeza. Intento buscar unha explicación ao inexplicable, porque se estamos a construír a sociedade máis avanzada, a máis informada, a máis educada, etc., como é que as rúas poden ser as testemuñas destes actos de barbarie?

Homo sapiens significa ser humano sabio, dotado de pensamento e ser moral. Nin pensamento, nin sabedoría nin moralidade encontro eu no asasinato de Samuel. Será que as persoas que acometeron tal atropelo pertencen aínda á clase extinta Neanderthal, no sentido máis figurado e despectivo do termo. Ou será, que de tanto odio que se escoita ultimamente por determinados sectores políticos a poboación estase a contaxiar como se dunha pandemia se tratase?

Será tamén que cada vez hai máis “influencers”, pero menos referentes do que realmente supón vivir en liberdade. Sen Josephine Baker, Aretha Frankling, Freddie Mercury, Frida Kahlo ou Raffaella Carrá o mundo estase a facer un pouco máis escuro.

Por sorte as rúas tamén poden converterse en lugares de luz, de vindicación e de repulsa, unindo corazóns que camiñen deica unha sociedade máis igualitaria. Depende de ti e de min.

 

“Cada tic tac é un segundo da vida que pasa,

Que foxe, que non se repite,

E hai nela tanta intensidade, tanto interese,

Que o problema é só podela vivir.

Que cada un o resolva como poida”.

Frida Kahlo.

Relacionadas

Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.