A CIG-Industria de Ferrol vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo contra un grupo de empresas auxiliares de Navantia (Kaefer Aislamientos, Calsomatu, Norinver Montajes e Ingeniería, Tubacer, Indasa ou Quirón Prevención), que optaron por despedir o seu persoal eventual alegando «fin de obra», tras Navantia comunicar a suspensión dos contratos e das obras en marcha a causa da emerxencia sanitaria. A CIG-Industria aclara que tal fin de obra non existe, xa que estamos ante unha suspensión temporal da execución dos traballos que se retomarán cando remate o contexto actual.
Para a central sindical, nesta decisión patronal «existe unha vontade inequívoca de deixar a este colectivo de traballadores fóra do alcance de aplicación da medidas establecidas nos sucesivos decretos aprobados a causa da pandemia do coronavirus, provocándolles un grave prexuízo económico, e un agravio comparativo, respecto do dereito e o consumo das prestacións por desemprego».
A Federación da CIG lembra que de maneira reiterada no sector de siderometal se incumpren os mínimos de contratación indefinida establecidos no convenio colectivo, producíndose un abuso da eventualidade, «actuando en evidente fraude de lei, co obxectivo de aproveitarse da precarización e vulnerabilidade que por esta vía xeran as propias empresas». Por iso, solicitan da Inspección de Traballo que investigue estas actuacións, se sancione ás empresas e se lles obrigue a axustarse a dereito, deixando sen efecto os despedimentos.