O Concello de Pontedeume converteuse, dende finais do mes de novembro, na capital da literatura galega infantil e xuvenil grazas ó seu orixinal programa “A Ponte das Verbas”, unha iniciativa coa que, durante case un mes, pretende homenaxear á ampla riqueza cultural e literaria galega.
En verbas da súa concelleira de Cultura, Ángela Piñeiro, o que se busca é que “as historias dos libros tomen forma e as palabras voz, recuperando o pracer de ler entre os nenos” e “convidándoos a experimentar ó seu redor a fantasía”.
As numerosas actividades planificadas dende o consistorio, en estreita colaboración coa Deputación da Coruña, xiran en torno ós seis grandes autores galegos que recibiron o prestixioso Premio Nacional de Literatura Infantil.
Paco Martín (‘Das cousas de Ramón Lamote’, 1986)
Xabier Docampo ( ‘Cando petan na porta pola noite’,1995)
Fina Casalderry (‘O misterio dos fillos de Lúa’, 1996)
Agustín Hernández (‘O único que queda é o amor’, 2008)
Ledicia Costas (‘Escarlatina, a cociñeira defunta’, 2015)
Antonio García (‘Poemar o Mar’, 2017).
Os IES Breamo e Fragas do Eume acollen estes días encontros cos autores, para que os alumnos poidan preguntarlles polas súas obras e procesos creativos, coñecendo de primeira man que é o que os inspirou á hora de escribir.
Ademáis, realízanse homenaxes ós finados Agustín Fernández Paz e Xabier Docampo. Entre as actividades programadas no marco desta “Ponte das Verbas” tamén se atopa a realización de murais relacionados con estes seis escritores, que serán plasmados nas paredes do pavillón da Casqueira por varios artistas da comarca.
Esta iniciativa cultural está pensada para todos os públicos, tamén para os máis pequenos, polo que o Concello de Pontedeume organiza obradoiros infantís e actividades na Biblioteca Municipal.
“Moitas veces o éxito chega desde fóra, coa tradución das obras, e ‘A Ponte das Verbas’ quere poñer o acento na nosa lingua”, conseguindo ademáis que “as cativas e mozos, os cativos e as mozas, coñezan e valoren aos autores dese mundo de fantasía, que interactúen con eles, que poidan preguntarlle ás escritoras e escritores pola súa obra ou proceso creativo”, recalcou a responsable de Cultura, Ángela Piñeiro.
Discussion about this post