O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e a concelleira de Economía, María Teresa Deus, mantiveron a primeira hora desta tarde unha reunión telemática con representantes das asociacións de comerciantes da cidade durante a que lles detallaron as liñas de traballo que segue o goberno local para paliar os efectos da crise do COVID- 19 entre os negocios ferroláns.
Entre outras medidas de tipo fiscal, o goberno local expuxo a posibilidade de reducir o importe de taxas ou prestacións proporcionalmente ao período no que os establecementos deban permanecer pechados. Tamén informaron aos comerciantes de que o Concello ten proxectada unha campaña de dinamización do comercio local, para sensibilizar á cidadanía e promover as compras na cidade, e de outros plans, como accións formativas cara o emprego ou a creación dunha base de datos on-line de negocios.
Esta última iniciativa, que como punto de partida tería a misión de informar en tempo real sobre os establecementos que permanecen en funcionamento en Ferrol, servirá tamén para crear un directorio de pemes e unha aplicación municipal para a venda a través de Internet. Incluirá datos actualizados dos distintos negocios e explicará os servizos que ofrecen. A información recollida polo servizo de Promoción Económica e Emprego do Concello será a base para crear esa app de comercio local cun funcionamento similar ao de calquera plataforma de venda on-line.