Catro da tarde, comida con amigas nun restaurante de moda. Comida rica, pero estándar, nada que obxectar pero tampouco ningún prato fascinante. Xa de sobremesa, entre risas e chopos de licores varios, chega a revelación.
Comeza a soar de fondo unha música por todas recoñecida, moi lixeira ao comezo, pero que a medida que sobe de volume por parte do camareiro do local, de repente miradas telepáticas saben que iso vai a acabar en cántico en grupo a pleno pulmón. Si, si, si! As voces comezan a acompasarse con movementos tímidos para pasar logo ao baile frenético, iso si, con máscara e distancia interpersoal incluída.
Pero non importa porque é tan grande o que está pasando nese intre, é tan importante a conexión que se establece nese momento entre todas nós, que o único valioso é que esa canción forma parte da nosa banda sonora vital, da banda sonora en plural feminino.
O resto de mesas anímanse e o local vense arriba, sen máis; debe ser que esa melodía non só é a nosa banda sonora, senón un himno de moitas persoas máis, pura maxia. Remata a canción e volvemos á calma con miradas que se apertan dende a distancia, que transmiten todo o vivido, pero o máis importante, o que nos queda por vivir como colectivo, como amigas, como comunidade.
Seguro que ti que estás lendo isto tes a lo menos unha decena de cancións que forman parte do teu repertorio particular, que son especiais, que che conectan con persoas, lugares, aromas… Que algunhas son compartidas con outra xente, pero que outras son intimamente túas, propias.
Estas melodías son “sanadoras”, algunhas serven para os momentos de éxtase, de festa, de encontro; outras serven para momentos de calma, de reflexión; e outras para momentos de tristeza, de abatemento, de derrota. Pero nos salvan, porque nos sitúan con ese estado de ánimo noutro espazo e noutro tempo, e curan feridas; as abertas, as que sangran, pero tamén as que están a piques de cicatrizar.
Alguén que non recordo dixo unha vez que a música é vida, e non podo estar máis de acordo. Non só é vida, senón que consegue devolver á vida incluso ás persoas que parecen estar desconectadas da mesma.
Con música pacientes con demencias ou Alzheimer son capaces de reconectar, de activar esa memoria biográfica que tarda máis en desvanecerse.
Tamén hai estudos científicos que avalan que persoas que se encontran en estado de coma vense favorecidas porque preto súa exista unha melodía agradable. Sabemos tamén que os bebés no ventre materno desfrutan escoitando música.
Non é, polo tanto, casualidade. A parte máis emocional do noso cerebro necesita música, é un proceso evolutivo. O homo sapiens de fai 8.000 anos construíu con ósos de aves un instrumento similar a unha frauta, a través da que conectaba melodía, movemento e emoción.
Polo tanto, construamos bandas sonoras compartidas e propias para seguir evolucionando.