Carmen Penim nació en Couto Mixto en 1965 y pasó parte de su infancia en Holanda. Su vida siempre ha estado marcada por la composición, pero, su mudanza a Italia le dio la oportunidad de estudiar canto de manera profesional. Fue allí donde formó con el pianista romano Maurizio Polsinelli el dúo 2naFronteira. Con él, está recorriendo Galicia con el espectáculo infantil ‘Ven, que che canto un conto!’.
Marcada por la herencia cultural femenina gallega, en 2018 presentó ‘Herdeiras’, un trabajo que une música, poesía, danza y audiovisual. Su última obra, Cantos de Terra e Sal, hace un homenaje a la tradición oral gallega, mediante temas como ‘Aí ven o barco do mare’, que recibió el premio Opinión 2021 a la Mellor Adaptación de Peza Tradicional.
—Naceu no Couto Mixto, pasou parte da súa nenez en Holanda e viviu en Italia seis anos. Como galega, que lección extrae da súa vida viaxada?
—Son dúas experiencias moi distintas. A experiencia da emigración en Holanda, como filla de emigrante, e a emigración de luxo a Italia, por elección e cun contrato laboral moi bo. A primeira penso que non remata nunca porque marca unha maneira de estar no mundo: con ausencias pero tamén coa riqueza dun país multicultural e moi avanzado socialmente con respecto á España postfranquista que vivín despois. En Holanda non percibín como nena que era emigrante. Sentíame unha máis no colexio. Foi máis difícil adaptarme en España a ese país no que a muller ocupaba o lugar ao que o franquismo a relegara. En Italia, houbo luces e sombras. Profesionalmente aprendín moito e fixen amistades, pero tamén experimentei en carne propia o racismo e os prexuízos sociais non só cara os estranxeiros, senón dos italianos do norte cara os do sur.
—Que a levou á música e que lle move compoñer?
—Non lembro a miña vida sen música e sen escribir. De nena inventaba cancións e contos por igual. Era unha escola que deixaba espazo para a arte e as miñas amigas lían o que eu chamaba as miñas “novelas”, coas fantasías dunha nena. Pero durante décadas a música foi algo privado e autodidacta imitando as divas do jazz. Estar en Italia deume a oportunidade de encaralo de xeito profesional e de estudar canto. Compoñer é en min algo instintivo que me equilibra e me fai feliz dun xeito primario, esencial.
—Por que xorde Herdeiras?
—O feminismo máis ideolóxico mameino en Holanda, pero xa as mulleres da familia paterna, arraianas do Couto Misto, transmitíronme unha maneira de estar no mundo independente e forte. Por iso sempre me interesaron como muller e como herdeira desa memoria, os temas ligados ás mulleres e sobre todo as mulleres anónimas tecedoras, construtoras da sociedade. Nunha conferencia sobre a memoria en Vilaboa, entrei en contacto con historias de mulleres republicanas e foi como unha febre.
Primeiro comecei compondo música e letra e logo quixen abrilo e que moitas mulleres se atoparan en ‘Herdeiras’. No libro, mulleres e homes contan a súa versión daqueles terribles feitos, sempre en clave de muller. Pero para min fala de calquera muller en situación de guerra, posguerra, represión, e non só do 36 en España. Por iso o tema de peche do disco, cheo de esperanza, fálalle ás mulleres do mundo en galego, castelán e árabe.
—Como foi a colaboración con Margarita Ledo na curtametraxe ‘Bucle’?
—Achegarme coa proposta a unha persoa tan importante e tan admirada por min como Margarita Ledo, non era fácil. Pero ela é tan xenerosa co seu tempo e a súa arte, que de seguida me dixo que si, sen coñecerme de nada. Entendeu perfectamente o espírito de ‘Herdeiras’, ese camiño da escuridade á luz, o cal reflicte tan poeticamente na curta. Aporta unha dimensión a ‘Herdeiras’ que cambia o proxecto. É como imaxinar o CD sen o libro. Non sería tan completo e poliédrico. Ademais, Margarita non crea distancia na colaboración, como podería, senón que dá con cariño.
—A sociedade está a avanzar en dereitos da muller?
—Ás veces podería parecer que non, porque as traxedias dos asasinatos non dan tregua. E tamén chegan ecos preocupantes de relacións posesivas e tóxicas entre a xente máis nova, podendo parecer que estamos en retroceso. Si está mellorando, sen dúbida. Pero como todo dereito fundamental, se non o temos todas, non está finalizado o camiño.
Queda moito por andar. Ata que todas as mulleres do mundo poidan ser mulleres sen sufrir limitacións ou vexacións ou violencia polo simple feito de selo. O feminismo ademais, evoluciona tamén co tempo. Sabemos que non hai igualdade entre homes e mulleres se non a hai tamén para o colectivo LGTBIQ e se non hai xustiza social para todos e todas. É unha loita dentro doutra loita máis ampla. Porque ás mulleres sempre lles toca a inxustiza ou o sufrimento por partida dobre: por exemplo, por pobre e por muller.
—O seu último traballo, Cantos de terra e sal, recolle a tradición oral do interior do país e da costa. Como se lles dá unha nova vida ás pezas de sempre?
—É unha pregunta complexa de responder, porque non hai unha decisión estética única para o disco. É como se cada canto levase dentro un desexo, unha pulsión. Por iso o disco é tan variado. Si é certo que nacer en plena pandemia fixo que derivase a unha enerxía potente, vital, por contraste co gris e o medo circundante. É como un aturuxo de vida. Polo demais, eu nunca poño límites máis que os que a miña propia voz pode ter. Para min a música é unha linguaxe única, poñamos a etiqueta que poñamos, e ela libremente decide cara onde arrimarse: jazz, canto tradicional, músicas do mundo…Ela manda e eu obedezo.
—De feito, un dos temas, ‘Aí ven o barco do mare’, recibiu o Premio Opinión 2021 á Mellor Adaptación de Peza Tradicional. Como foi iso?
—Iso foi moi inesperado e un impulso enorme para todo o equipo de ‘Cantos’ nuns tempos nos que case non había posibilidade de contacto directo co público e non se sabía que ía pasar. Con nominados e nominadas tan potentes, o que menos esperabamos era saír co premio aquela noite. E foi fermosísimo. Agradezo enormemente o recoñecemento e máis sendo, como digo, un traballo tan ecléctico e non puramente tradicional. Ver que se entende e aprecia o teu traballo é algo indescritible.
—A súa avoa é unha grande inspiración. Cal é a súa pegada neste álbum?
—A María da aira foi, xunto coas miñas tías, e a memoria da bisavoa Carmen, a miña raíz mentres os meus pais vivían aínda en Holanda. Ela, cos seus romances cantados e os relatos ao pé da lareira, marcaron en min a lume esa tradición. E sen sabelo, estaba facéndome o mellor regalo. Daquela eu dicía que debaixo dos pés non tiña raíces senón aire. E xa sabía que iso me daba liberdade pero tamén un oco sempre baleiro. E ela encheuno. E en xeral, todas as vivencias alá na aldea, os fiadeiros, as festas nunha corte en pleno inverno, polo San Blas, en Meaus.
Polo lado da memoria da miña nai, de Covas (Os Blancos) está esa presenza no CD e no escenario, da colcha que ela teceu coas súas mans. Para reivindicar o traballo invisible das mulleres, que sempre se dá (aínda hoxe) por descontado, como se nacésemos cunha obriga extra e como se o produto das nosas mans tivese menos valor. Esa colcha é arte, tanto como a música que envolve. E abriga a nosa memoria.
—Malia ter producido o cedé en dous períodos diferentes pola pandemia, quedou algunha cantiga que adaptar para darlle continuidade ao proxecto?
—Tantas, si. Algunhas por ter características semellantes entre si, e outras porque materialmente era imposible. Xa só nos cancioneiros de X. Lois Foxo hai mundo para varios CD. Dende o inicio do proxecto xa sabíamos que se todo vai ben, haberá un ‘Cantos de terra e sal’ máis. É un proxecto vivo ao cal iremos incorporando novas pezas, saian ou non como disco.
—Tamén ten o dúo 2naFronteira con Maurizio Polsinelli. Que valores busca transmitirlles á rapazada de Galicia que asiste ao seu espectáculo infantil ‘Ven, que che canto un conto!’?
—O amor pola lingua e a nosa cultura. O amor pola natureza e a necesidade de protexela con forza. Pero tamén nos contos latexan a igualdade e o respecto da persoa que é distinta de nós. A colaboración, a solidariedade como maneira de estar no mundo e melloralo. E todo isto divertíndose cantando connosco e escoitando os contos.
—O ano pasado celebraron o centenario da revista Nós co expoconcerto Arredor de nós homenaxeando o percorrido literario desta histórica publicación. Cal é a saúde do galego nestes intres?
—Daquela quixemos achegar a revista Nós con esta exposición con estética de cómic á xente nova. Porque estes e estas intelectuais vivían con tanto orgullo o feito de seren galegos, e todo isto moi conectados á arte e á literatura europeas. Estas persoas foron pioneiras en poñer a Galicia no panorama intelectual e artístico internacional, e en recoller a cultura rural e tradicional, cos primeiros cantigueiros. Esa ilusión e orgullo é o que precisamos agora transmitir ás xeracións novas e aos pais e nais que elixen a lingua na cal crialas, que non ten por que ser unha soa.
Como galegos e galegas, falar esta lingua fainos máis fortes e conéctanos cun pasado diferente ao dos outros pobos. E dende esa diferencia, podemos medrar explorando os puntos comúns, xa que ao fin, planeta temos un só e as fronteiras son unha construción política. Pero non é certo que ante a globalización se deba renunciar ao propio. Ao contrario: faise máis necesario ca nunca. E ademais do galego, calquera lingua máis na educación dos pequenos e pequenas, será benvida, por suposto, para crear lazos.
—Concienciada no eido lingüístico, pensou en presentarse no Liet International, a Eurovisión das linguas minorizadas, para promocionar o noso idioma nos grandes escenarios?
—Si que me gustaría moito ir, pero sei que hai moitas solicitudes de varios países. Algún ano espero ter esa sorte. Paréceme un festival de moita importancia. Porque é unha plataforma para difundir as linguas minoritarias. E tamén unha maneira de coñecer como se trata este feito multilingüístico noutros países europeos. Ademais sempre me gustou estar entre persoas de diferentes linguas polo moito que aprendes. Cada lingua conleva un mapa mental diferente, unha cultura distinta. E esta diversidade é moi estimulante.
—Cando vivía lonxe da terriña seguro que colleu certa perspectiva sobre esta. Que retos ten que afrontar Galicia nun futuro?
—É verdade que a distancia dá outra perspectiva. Valoras as bondades que seguramente vivindo aquí, dabas por descontadas. O tópico do galego como pobo pechado, responde só ao descoñecemento. Cando andas polo mundo, ves que iso non é así. Pero é certo que tamén ves carencias ou máis ben, como outros países fixeron ou fan fronte a eses retos. Por exemplo, falta a internacionalización de todo o que é galego: tanto os produtos como a arte, a música.
Un maior impulso do galego no ensino e sobre todo, un apoio sen fisuras á arte e á cultura en xeral, dignificando a vida das persoas que desexan adicarse a isto. Pero isto é algo que tamén no resto do estado queda por facer. Seguimos abordando a cultura como un luxo, e en cambio é unha necesidade como a educación. E o máis importante: o dereito a un emprego pleno que evite a emigración da xente. Xa abonda de emigrar. Gustaríame ver unha Galicia orgullosa, sostible, ecolóxica e exemplo de facer boa política para todos e todas.
—Como está a ser a volta aos escenarios e o reencontro co seu público?
—Para min o escenario é sempre un pequeno milagre. Nel síntome máis eu que nunca. Despois de varios concertos online dende a nosa casa durante o confinamento, poder de novo estar co público e sentir a súa alegría, e esa conexión, non ten prezo. É unha fortuna poder desfrutar de todo isto e só espero que se perda o medo a programar, pois quedou demostrado que facendo ben as cousas, os actos culturais non son un foco de contaxio. E en cambio, dános a vida e permítenos por unha horiña esquecer esta loucura que vivimos.
—Que está por vir nos vindeiros meses musicalmente falando?
—O meu problema sempre está en ter que elixir entre tantas ideas bonitas que van nacendo. É imposible facelo todo. De momento queremos dar moitos concertos con Cantos de terra e sal e co espectáculo infantil. Pero non paramos en paralelo de crear novos repertorios que aínda non quero desvelar. Só vou dicir que neles a danza vai estar moi presente…
Discussion about this post