A Deputación da Coruña vén de aprobar a concesión das axudas do programa PEL-Concellos 2020. Cun investimento superior a 623.000 euros, esta liña do Plan de Emprego Local (PEL) permitirá aos 18 concellos de Ferrol, Eume e Ortegal de menos de 20.000 habitantes contratar a un total de 86 persoas en situación de desemprego durante un período dun ano para a prestación de servizos municipais básicos.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirmou que o programa será especialmente útil este ano xa que ademais de “ofrecer unha oportunidade laboral a estas persoas con especiais dificultades para atopar un emprego, permitirá aos concellos afrontar labores fundamentais na loita contra a covid-19 coma a limpeza de rúas e espazos públicos ou a recollida e tratamento de residuos”.
Os importes da subvención que han recibir os concellos varía en función da porcentaxe de persoas desempregadas coas que conta cada municipio, oscilando as contías que se van percibir entre os 19.000 e os 52.000 euros. Coa súa asignación do PEL- Concellos, os municipios poderán financiar os custos salariais e de seguridade social derivados da contratación de novo persoal, ademais dos derivados das indemnizacións de fin de contrato e os correspondentes aos cursos de formación en materia de riscos laborais que deban realizar as persoas contratadas segundo a lexislación laboral vixente.
Dificultades de inserción laboral
Resulta destacable o “carácter social” destas axudas, xa que as persoas que van contratar os concellos deberán estar en situación de desemprego na data de inicio do proceso selectivo e valorarase que pertenzan a determinados colectivos con maiores dificultades para acceder a un emprego.
A Deputación esixe como requisito nas bases do programa que a contratación beneficie especialmente a aqueles colectivos máis afectados pola lacra do desemprego: maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas cun grao recoñecido de discapacidade, persoas pertencentes a fogares con todos os seus membros en paro, vítimas de violencia de xénero, persoas en risco de exclusión social ou mulleres, dado que o índice de paro rexistrado entre as mulleres é sensiblemente superior ao dos homes.
CONCELLO | TRABALLADORES | IMPORTE |
Ares | 8 | 43.000 € |
Cabanas | 3 | 30.995 € |
A Capela | 3 | 22.000 € |
Cariño | 3 | 34.000 € |
Cedeira | 4 | 43.000 € |
Cerdido | 3 | 22.000 € |
Fene | 7 | 52.000 € |
Mañón | 5 | 22.000 € |
Moeche | 2 | 19.000 € |
Monfero | 2 | 25.000 € |
Neda | 6 | 40.000 € |
Mugardos | 5 | 43.000 € |
Ortigueira | 9 | 40.000 € |
Pontedeume | 4 | 45.942 € |
As Pontes | 10 | 46.000 € |
San Sadurniño | 3 | 28.000 € |
As Somozas | 4 | 25.000 € |
Valdoviño | 5 | 43.000 € |
TOTAL | 86 | 623.937 € |