A concellería de Servizos de Mugardos reiniciou os traballos na pasarela de madeira do peirao, despois de que estas actuacións tivesen que ser suspendidas pola alarma sanitaria do COVID-19. A duración da intervención dependerá das condicións climatolóxicas, pero non se espera que vaian máis aló dunha semana.
Os traballos que se están a realizar consisten na limpeza da estrutura e a aplicación dun tratamento antiescorregadizo á madeira na totalidade do paseo, co obxectivo de que mellore a seguridade da infraestrutura.
“Con esta intervención finalizan xa os traballos de competencia municipal na pasarela de madeira, e está encargado un informe a Portos de Galicia, pero desde esta institución afirman xa que a pasarela está en condicións de ser utilizada, está correctamente dimensionada e con adecuada capacidade estrutural” afirmou o concelleiro Jorge Kuntz.