Comeza en Ferrol a campaña de control de gaivotas

O Concello explica que o servizo, que se manterá ata o 31 de agosto, ten como obxectivo previr riscos de pragas e contribuír á salubridade pública
gaviotastejado3

A concellería de Medio Ambiente de Ferrol comezará o próximo venres a campaña de control de gaivota patiamarela. Un dos obxectivos deste servizo é «evitar posibles riscos de pragas e garantir a salubridade pública, ao tempo que se asegura o benestar dos animais», explican desde o departamento.

A tempada de cría destas aves estenderase ata o 31 de agosto, e durante este período procederase á retirada de niños e das postas que provoquen prexuízos nos tellados dos veciños que o soliciten. A cidadanía poderá dirixirse á empresa adxudicataria para informar de lugares onde as gaivotas estean a causar problemas. Debe facelo a través do teléfono 981 677 809 en horario de 9.00 a 19.00 ou da dirección de correo electrónico [email protected]. Os traballadores tamén se encargarán de revisar espazos e edificios públicos.

Ademais da campaña de nidificación de gaivotas, este servizo municipal ten continuidade ao longo de todo o ano con outras accións de control de poboación de pombas ou estorniños, actuando para evitar a concentración de exemplares nos parques e nos xardíns da cidade. Este tipo de accións compleméntanse con outras, como a localización de pombais urbanos incontrolados en edificios abandonados ou en outras estruturas, así como a elaboración de estudos sobre a poboación destas especies.

Ao longo dos últimos tres anos, o servizo atendeu 985 reclamacións (918 por gaivotas, 58 por pombas, 3 por estorniños e 6 por outras aves) e fixéronse 948 visitas a domicilio debidas a molestias causadas por aves (883 por gaivotas, 56 por pombas, 3 por estorniños e 6 por outras especies), produto das cales se retiraron 565 niños, 494 ovos e 712 individuos, ademais de realizar 12 actuacións de asesoramento técnico.

Relacionadas