O Concello habilitou unha partida de 3,2 millóns de euros para a liña de subvencións a empresas da cidade e tamén a ampliación das destinadas a emerxencia social. A maior parte desa contía, en total tres millóns de euros, destinarase á liña de subvencións a microempresas, pequenas empresas e autónomos da cidade que tivesen que paralizar a súa actividade dende que se decretou o estado de alarma, o pasado 14 de marzo, ou que acrediten unhas perdas na súa facturación de polo menos o 75% neste período.
As subvencións, que se poderán solicitar a partir de este mes, outorgaranse en función das condicións de cada empresa, de 2.000, 3.000 ou 4.000 euros e o goberno local está analizando xa a posiblidade de habilitar unha segunda convocatoria no caso de que sexa precisa.
O Concello tamén aumentará os fondos destinados a medidas para axudar ás familias máis vulnerables, para as que se habilitou unha partida de 200.000 euros que se investirá en actuacións de emerxencia social. “A actual crise que estamos vivindo está repercutindo gravemente en moitas familias que precisan determinados servizos e produtos básicos que dende o Concello estamos atendendo coa maior celeridade tras decretarse o estado de alarma”, recordou a alcaldesa Marián Ferreiro.