O Concello de Narón recolle máis de 1.500 quilos produtos para persoas vulnerables

Catorce establecementos do municipio participan nesta iniciativa solidaria
Doazón alimentos

Enorme éxito na primeira xornada da campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene impulsada polo Concello de Narón para axudar ás familias máis vulnerables. A campaña comezou onte pola mañá e en tan só catro horas, nos catorce establecementos nos que estiveron os voluntarios e voluntarias, recolléronse máis de 1.500 quilos de produtos.

As doazóns poden realizarse entre as 10.00 e as 14.00 horas e ata o vindeiro sábado, día 9, nos supermercados das cooperativas do Val (no Val e en Xuvia) e Meirás (San Mateo), nos Covirán de Xuvia e O Alto, no Dia do Ponto, xunto aos Froiz de Freixeiro, Santa Icía, A Gándara e o Centro Comercial Narón, nos Gadis da estrada de Cedeira e Santa Icía, no Familia de Santa Icía e no Eroski da Gándara.

Os alimentos e produtos de hixiene que rexistran máis demanda son os cereais, legumes e froita en conserva, café, arroz e tamén produtos de hixiene (compresas, tampóns), de limpeza (deterxentes para fregar a louza e o chan, lixivia…) e tamén toalliñas hixiénicas para bebés, entre outros.

“Unhas corenta persoas voluntarias forman parte deste equipo que, coordinado por Protección Civil de Narón, nos permite levar a cabo esta campaña e recoller os produtos doados para levalos ao Centro de Recursos Solidarios de Narón e, dende alí, atender ás familias que o precisan”, destacou a alcaldesa Marián Ferreiro.

Publicidad
Resumen de privacidad

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerte la mejor experiencia de usuario posible. La información de las cookies se almacena en tu navegador y realiza funciones tales como reconocerte cuando vuelves a nuestra web o ayudar a nuestro equipo a comprender qué secciones de la web encuentras más interesantes y útiles.