A coporación municipal de Fene aprobará mañá no pleno unha moción en apoio do persoal de Noa Madera Creativa tralo ERE anunciado pola empresa afincada no polígono de Vilar do Colo. Ese foi o compromiso ao que chegaron o goberno local de Juventino Trigo e o resto de grupos políticos na reunión mantida esta tarde co comité de traballadores desta empresa.
O Grupo Malasa, dono da firma, ten a intención de aplicar un ERE Extintivo para 78 traballadores e traballadoras e un ERTE para o resto da plantilla de 15 meses. Neste sentido reclamouse o apoio do consistorio tanto na reivindicación dun «emprego estable e con condicións laborais dignas» como tamén á hora de darlle a coñecer a súa situación á sociedade.
Juventino Trigo tamén comprometeuse a tratar a situación de Noa Madera Creativa na reunión da Mancomunidade que se desenvolverá esta tarde, tendo en conta as negativas consecuencias que ten para o emprego e o sector produtivo da comarca.
Maña pola tarde terá lugar unha videoconferencia co Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, para abordar a situación da empresa. Desde o comité de empresa quixeron mostrar, una vez máis, o seu «rexeitamento as medidas anunciadas pola empresa de desmantelar as instalacións de Fene e precarizar as condicións de traballo dos e das traballadoras».